OS NACIONALISTAS LEMBRAN QUE FORON A ÚNICA FORZA POLÍTICA QUE PROPUXO UNHA ALTERNATIVA, A DA PASAXE, ENRIBA DA MESA. ESIXEN QUE SE ESTUDE E SE EFECTIVICE COA MAIOR PREMURA POSÍBEL.

O BNG celebra que o PP deixe de ameazar con atentar contra a ría e a praia de Santa Cristina

pasarela
O BNG celebra que o PP deixe de ameazar con atentar contra a ría e a praia de Santa Cristina

En relación co último anuncio feito público pola Xunta de que o PP abandona a idea de atentar paisaxística e medioambientalmente contra a ría do Burgo e o areal de Santa Cristina construíndo unha pasarela que só servía a determinados intereses urbanísticos sen solucionar ningún problema de mobilidade, o BNG da comarca da Coruña vén de realizar unha primeira valoración pública.

O portavoz comarcal, Dani Carballada, lembrou que “dende o minuto cero o BNG tivo unha postura firme e inequívoca en contra dun proxecto que non atendía as necesidades reais de mobilidade da comarca, non respetaba o noso medio natural e paisaxístico e carecía do máis mínimo contraste ou aval técnico ademais de violentar as máis elementais normas de respecto institucional, transparencia, diálogo e participación democrática no seu teórico desenvolvemento”.

A maiores, e como lembra o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera “o BNG foi a única forza política que puxo enriba da mesa, con carácter construtivo e propositivo, unha alternativa realista e realizábel: aproveitar a reforma da ponte da Pasaxe para, a maiores da obra prevista na plataforma existente, acrecentala cun paso inferior á altura dos paseos marítimos existentes que dean, con amplitude e comodidade, resposta ás demandas da mobilidade peoníl e ciclista”.

En palabras do que será novo edil en Oleiros, Iván Roca, “o vivido nos últimos meses serviu para ilustrar o desleixo co que o PP trata a comarca coruñesa, desprezando as súas institucións e a súa cidadanía, vendendo fume con afán electoralista ou directamente servindo a determinados intereses inmobiliarios”. Só así se entende a postura dubitativa e timorata do PSOE que, diante da perplexidade do conxunto do activismo ecoloxista, veciñal e de mobilidade, a piques estivo de facer de comparsa do PP nesta desfeita felizmente desbotada.

O BNG reclámalle, por boca da deputada autonómica Mercedes Queixas, ao goberno de Alfonso Rueda que “os máis de 8 millóns teoricamente reservados a esta pasarela sexan destinados con carácter inmediato a investimentos en materia de mobilidade na comarca da Coruña. Un ámbito competencial da Xunta onde esta fai deixadez das súas funcións de maneira flagrante: transporte marítimo na ría, transporte metropolitano por estrada, creación dun servizo autonómico de cercanías ferroviarias...”.

Finalmente, o representante do BNG nas Cortes do estado, o deputado Néstor Rego anunciou que “o Bloque interpelará o goberno central para que se comprometa a que a obra de reforma da ponte da Pasaxe incorpore unha plataforma inferior para peóns e ciclistas. Así, non só blindariamos as demandas de mobilidade sostíbel entre ambas marxes da ría nesa zona, tamén blindaríamos a propia ría e concretamente o areal de Santa Cristina contra posíbeis atentados ambientais coma o que quería perpetrar o PP”.

O BNG celebra que o PP deixe de ameazar con atentar contra a ría e a praia de Santa Cristina