O BNG leva ao Parlamento Galego a contaminación da praia de Santa Cruz
O director de Augas de Galiza, en debate na Comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, non esclareceu ningunha medida nin actuación conxunta entre o goberno galego e o Concello de Oleiros para identificar e resolver a contaminación, nin para promover a sinalización no areal
A praia do Porto de Santa Cruz volve figurar na listaxe de lugares nos que está prohibido o baño do Rexistro de Augas de Baño de Galiza, por segundo ano consecutivo. Este areal quedou prohibido para o baño por primeira vez entre 2014 e 2020, e só estivo catro anos fóra desta listaxe. Por isto, o BNG considera que é prioritario que as dúas institucións implicadas, o Concello de Oleiros e a Xunta de Galiza, dialoguen para identificar e remediar a orixe desta contaminación. A deputada nacionalista oleirense, Iria Taibo, afirmou que “non é admisíbel que a cidadanía pague as consecuencias da falta de diálogo entre institucións”.
Para o BNG, trátase dunha situación extremadamente irregular, xa que é obrigatorio sinalizar esta prohibición por contaminación da auga (esta obriga corresponde ao Concello de Oleiros), mais non existe tal sinalización, co conseguinte risco para a poboación. A praia do Porto de Santa Cruz é moi frecuentada por veciñanza e visitantes, e durante acolle actividades deportivas marítimas con crianzas durante todo o ano.
Para o BNG, resulta irónico que un concello que presume da súa actuación ambiental conte cunha praia coa auga contaminada durante tantos anos, sen que se leve a cabo ningunha actuación para identificar a orixe e corrixir esta contaminación. Máis aínda se temos en conta que esta praia tamén acolle a sede do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA).
O BNG continuará a insistir neste asunto, xa que o inicio da tempada de baño fai que sexa urxente corrixir (e sinalizar, mentres iso non aconteza) a contaminación da praia do Porto de Santa Cruz, e para isto a formación nacionalista considera que é fundamental que “as institucións implicadas sexan responsábeis e se coordinen a favor dos intereses da veciñanza. A situación da praia de Santa Cruz non pode ficar no limbo”.
O BNG volverá levar este asunto ao Pleno municipal do Concello de Oleiros, e a formación nacionalista estuda novas iniciativas parlamentarias en relación coa titularidade do Porto, vinculada tamén á xestión desta contaminación reiterada e á súa sinalización (ou falta dela).