O BNG demanda unha solución urxente para a contaminación da praia de Santa Cruz
A praia, nunha das zonas urbanas máis importantes do concello, continúa a estar na listaxe de areais non aptos para o baño, sen que as autoridades responsábeis explicaran os motivos nin puxeran remedio a esta situación xa prolongada no tempo
A só dúas semanas de que comece oficialmente a tempada oficial de baño, o día 1 de xuño, a praia do Porto de Santa Cruz continúa a figurar na listaxe do Rexistro de Augas de Baño de Galiza, que recolle os areais nos que está prohibido o baño .
O BNG xa denunciou esta situación o ano pasado, por tratarse dunha praia moi visitada, situada nunha das principais áreas do Concello de Oleiros, mesmo ao pé do castelo de Santa Cruz, que ademais, ironicamente, acolle a sede do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA), tanto publicamente como a través de preguntas no Parlamento Galego e no Pleno municipal de Oleiros. Esta praia recibe visitas de todo tipo, tamén de crianzas que acoden no contexto de diferentes tipos de actividades deportivas. O BNG tamén reclamou que se sinalice a prohibición para o baño, xa que as persoas usuarias adoitan descoñecela.
Hai agora case un ano, o alcalde de Oleiros desmentiu no Pleno municipal, en resposta a unha pregunta do portavoz municipal do BNG en Oleiros, Iván Roca, a contaminación da praia, de acordo con analíticas propias das que disporía o Concello que, segundo Ángel García Seoane, desmentían os datos da Xunta de Galiza, que é a institución encargada de controlar a calidade das augas de baño e de velar pola seguridade das mesmas.
En todo caso, un ano despois a contaminación segue, conforme a última actualización do Rexistro de Augas de Baño de Galiza publicada no Diario Oficial de Galiza do día 13 de maio. O BNG esixe tanto información suficiente e clara para as persoas que se acheguen a Santa Cruz e, de xeito urxente, que a Xunta de Galiza e o Concello de Oleiros se coordinen para procurar a orixe desta contaminación e corrixila o antes posíbel.
O BNG volverá levar este asunto, que o seu portavoz municipal considera “de gravidade, tendo en conta a afluencia de persoas deste areal, a falta de información e, sobre todo, a falta de interese que parece haber en corrixir, ou incluso en recoñecer, este problema para a veciñanza e visitantes dunha das zonas máis emblemáticas de Oleiros”.