O BNG insiste na necesidade de crear novas prazas nas escolas infantís de Oleiros

undefined
O feito de que queden crianzas fóra obriga as administracións competentes a planificaren a medio prazo, xa que se trata dun servizo fundamental para as familias
O BNG insiste na necesidade de crear novas prazas nas escolas infantís de Oleiros

A publicación das listaxes definitivas de admitidos da quenda extraordinaria de decembro resulta preocupante. O BNG considera que non ten ningunha lóxica negar que existe un número importante de crianzas que fican sen praza.

Unha análise seria da situación indica que existe un claro problema no treito de 0 a 1 ano, xa que nas escolas públicas de Oleiros se cubrira unha parte importante das prazas dispoñíbeis de 0 a 1 ano xa no mes de maio. Atendendo ás admisións dese prazo, só quedarían 2 prazas libres en Mera e 7 na Canteira, e as aulas desa idade admiten un máximo de 8 crianzas. No prazo de setembro, non ficou ningunha praza libre nas escolas públicas e, a pesar diso, hai novas solicitudes.

As matrículas das crianzas máis novas son as máis problemáticas, xa que só é posíbel solicitar a inscrición unha vez nacida a crianza. Cando non hai prazas suficientes, os baremos de preferencia só son un elemento verdadeiramente igualador no primeiro prazo, pois nos seguintes só é posíbel matricular as crianzas nas escolas nas que haxa prazas dispoñíbeis. Isto fai que se produzan disfuncións importantes, como que fiquen sen praza crianzas que, pola situación familiar, deberían ter prioridade, ou que dous irmáns teñan que ir a escolas diferentes por falta de dispoñibilidade. Esta preferencia en función da data de nacemento, loxicamente, só resulta problemática cando non hai prazas suficientes, como é o caso.

Tamén é preciso ter en conta o número de prazas que ofertan na actualidade as escolas infantís dispoñíbeis. Das públicas, a escola dos Regos dispón de 68 prazas neste curso, As Galeras 86, A Canteira 96 e Mera 41 e, nas privadas, en Reberte 51 e nas Abelliñas 74, e Oleiros conta cun total de 7 aulas públicas de 0-1, ou 56 prazas.

O BNG demanda desde hai anos unha nova escola infantil na zona de Nós, para atender as necesidades da poboación. O crecemento demográfico de Oleiros é ben coñecido (aínda hai uns días soubemos que o noso concello chegaba os 39.367 habitantes por primeira vez, xa que sumou 574 en 2025), igual que se coñecen as promocións urbanísticas previstas para os próximos tempos. Oleiros é o concello da área da Coruña que máis medra, polo que as administracións competentes deben facer o seu traballo de adaptar os servizos á realidade da cidadanía.

Só será posíbel sabermos cantas crianzas fican fóra cando remate o prazo de matrícula, mais as cifras indican unha clara demanda, pois só na escola das Galeras 31 familias solicitaron praza no grupo de 0-1, a pesar de ter as prazas cubertas xa en maio, e 9 familias en 1-2, o que indica que estas familias están a procurar unha solución que a administración pública non está en condición de dar. A demanda do BNG é que as administracións fagan o seu traballo e atendan un servizo tan básico como este dun xeito rigoroso. Sexan 30 ou 100 as prazas públicas que se precisan a día de hoxe, a construción dunha escola infantil non é algo que se faga en dous días, polo que é urxente que a Consellaría de Política Social, coa colaboración do Concello, comece coa planificación para construír a quinta escola infantil de Oleiros.

As escolas infantís fan un servizo fundamental no que ten que ver coa conciliación das familias, ademais da súa vertente educativa. De ficar unha soa crianza sen praza, o único xeito de atendela será nunha escola privada (na actualidade, en Oleiros, tampouco hai prazas dispoñíbeis) ou que un dos seus pais ou outros familiares fiquen na casa para atendela, con todo o que isto implica.

Por outra banda, o BNG tampouco concorda coa política de gratuidade das escolas infantís privadas que implantou a Xunta de Galiza en 2022. Deste xeito, abóanse as prazas nestas escolas con diñeiro público, a un custo moito maior que o das prazas públicas. Nas escolas privadas de Oleiros non hai ningunha praza libre neste momento, polo que este sistema tampouco está a servir para cubrir as necesidades das familias.

Para o BNG, o importante é determinar se o número de prazas nas escolas infantís é suficiente para atender a demanda actual, e se o concello está preparado para atender a evolución demográfica prevista. O feito de que fiquen crianzas fóra é un indicativo claro de que as prazas non son suficientes, polo que o BNG continuará a insistir, tanto ante o Concello como no Parlamento Galego, na súa demanda de que as institucións competentes comecen con urxencia os traballos para a creación de novas prazas nas escolas infantís de Oleiros.

O BNG insiste na necesidade de crear novas prazas nas escolas infantís de Oleiros