Día da Galiza Mártir en Oleiros

IMG-20200818-WA0001
A situación epidemiolóxica que estamos a vivir modificou a tradicional celebración do Día da Galiza Mártir en Oleiros, mais non quixemos que nos impedise facer, un ano máis, unha merecida homenaxe aos represaliados.
Día da Galiza Mártir en Oleiros

O BNG de Oleiros decidiu, por vez primeira, non celebrar o acto que organizamos, ininterrompidamente desde 1996, arredor do Día da Galiza Mártir na Praza da Liberdade de Nós. Decidímolo así, a raíz da situación epidemiolóxica que estamos a vivir, por acatamento das restricións estabelecidas canto á organización de actos públicos, mais sobre todo por responsabilidade social. 

Previamente á organización do propio acto, realizamos un importante traballo de investigación e documentación que nos levou a rescatarmos do silencio da desmemoria novos nomes propios da represión imposta polo fascismo en Oleiros: os de Xosé Garrido Pasandín e os seus fillos Eduardo e Manuel Garrido Otero, así como os das irmás Encarnación e Andrea García Veiga. Este traballo previo, que un ano máis debemos agradecer ao esforzo incansábel do noso compañeiro Manuel Ferreiro Bra, mesmo permitiu dar coa familia, cuxa participación estaba prevista no acto tal e como o estabamos a deseñar.

Aínda así, este luns día 17 non quixemos que faltase o simbolismo de deixarmos unhas flores nos monólitos da memoria da Praza da Liberdade de Nós, os dedicados a Alexandre Bóveda e a Xaquín Taboada e os seus compañeiros.

Que as prevencións contra a COVID-19 non nos permitisen desenvolvermos o acto, non impide que deamos a coñecer a historia de resistencia e dignidade que recuperamos do silencio. Por iso, achegamos unha composición audiovisual que, a xeito de recompilatorio sobre a historia do Día da Galiza Mártir en Oleiros, quixemos facer nesta atípica vixésimo cuarta edición. Unha peza que se estreou o 16 de agosto na nosa canle de Youtube e que quere ser tamén un acto de memoria, de homenaxe e de recoñecemento a todas cantas persoas colaboraron e fixeron posíbel estas 23 edicións anteriores, e que foi realizado pola compañeira do BNG da Coruña Natalia San Vicente:

https://www.youtube.com/watch?v=UlTHxt6knA8

dia_gz_martir_2020_page-0001dia_gz_martir_2020_page-0002

Día da Galiza Mártir en Oleiros