Fran Rei pide que se inclúa a súa declaración de bens como concelleiro no web municipal
Fran Rei vén solicitando reiteradamente que o Concello aplique a lexislación sobre transparencia e inclúa no portal web as declaracións de bes dos membros da corporación
O portavoz nacionalista propón que a súa declaración sexa incluída no apartadiño que a páxina web municipal reserva á información sobre os grupos municipais na sección de Alcaldía
Oleiros, 1 de xullo de 2016.- Na sesión do pleno municipal ordinario do Concello de Oleiros celebrado no serán de onte o portavoz municipal do BNG-Asembleas Abertas, Fran Rei, solicitou ao goberno municipal no apartado de rogos que os datos da súa declaración de bens patrimoniais sexan incluídos na páxina web municipal. O portavoz nacionalista suxeriu aproveitar o apartadiño reservado para informar da composición dos diferentes grupos municipais, á que se accede a través do apartado de Alcaldía en dita web.
Rei leva solicitando reiteradamente desde hai varios meses, pleno tras pleno, que o Concello de Oleiros se adapte á Lei Galega de Transparencia de 2006 e á Lei estatal de 2013 e inclúa na páxina web municipal un portal ou espazo diferenciado a través do que se fagan públicos todos aqueles datos de interese para a cidadanía que redunden nunha maior transparencia da institución: declaracións de bens das e dos membros da corporación municipal, remuneracións dos cargos públicos con dedicación, estrutura do persoal eventual de confianza adscrito ás áreas de goberno, actas de plenos, comisións informativas e xuntas de goberno ou mesmo os podcast co audio das sesións plenarias, que son retransmitidas ao directo a través da radio municipal.
Frente unha solicitude que o BNG-Asembleas Abertas considera non só de lei, senón de sentido común, a única resposta que vén atopando é a incomprensíbel e sistemática negativa do Alcalde de Oleiros a tomar decisións para adaptar o Concello á lexislación e a aumentar os mecanismos de información á veciñanza e transparencia. Estudos como o do grupo de investigación interuniversitario CIDACOM (formado por 8 universidades, entre as que está a USC) sitúan a Oleiros por baixo do 50 % (43.9 %) en canto a grao de transparencia a través dos diferentes indicadores estudados, entre eles a páxina web municipal.