A veciñanza de Montrove demanda da Xunta un paso de peóns e denuncia problemas de mobilidade
Veciñas e veciños residentes na contorna da oleirense Avenida Rosalía de Castro á altura do antigo Colexio Videlba, Pazo do Río e o inicio da travesía de Montrove comezaron a mobilizarse diante de distintas instancias coa finalidade de expresaren a súa preocupación polos crecentes problemas de mobilidade que padecen.
Este colectivo de residentes demanda maior seguridade viaria nunha zona caracterizada por un gran tránsito de vehículos, especialmente nas horas punta. A AC -174, estrada que comunica Perillo e Sada por Oleiros, funciona, malia as súas características de estrada secundaria, como vía de comunicación principal para unha área densamente poboada. Ao constante fluxo de automóbiles a veciñanza engade como problema a excesiva velocidade á que, por veces, circulan algúns deles, especialmente nos tramos da xornada en que a densidade do tráfico é menor. Esta superación dos límites de velocidade permitida, coñecida tanto pola Garda Civil de Tráfico como pola Policía Local de Oleiros, causa inseguridade nunha zona na que residen persoas de idade avanzada e tamén un número crecente de familias con nenas e nenos.
A veciñanza deste tramo da Avenida de Rosalía de Castro recorda que a estrada que comunica Sada e Perillo (a AC- 174) é tamén a rúa pola que moitas persoas acceden ás súas casas e fincas e na que desenvolven - moitas veces con dificultades - as actividades propias da vida cotiá (coller ou baixar do bus, tirar o lixo, pasear...). Estas veciñas e veciños piden que haxa un modelo de coexistencia no que os automóbiles poidan convivir con outras fórmulas de mobilidade (a pé, en bici, en transporte público, para vehículos de persoas con mobilidade reducida, etc) que facilite os desprazamentos seguros para persoas de todas as idades e que evite a extrema dependencia do coche mesmo para desprazamentos cotiáns duns poucos centos de metros.
No máis inmediato, a veciñanza desta zona solicita un paso habilitado para peóns no inicio da travesía de Montrove, xusto despois do cambio de rasante do Pazo do Río, que lles facilite cruzar con seguridade dunha marxe a outra ao baixar ou para coller o autobús ou mesmo para tirar o lixo. Dáse a circunstancia de que, a pesar de se tratar dunha zona densamente poboada, non hai pasos de peóns nun amplo tramo, concretamente entre o Centro Cultural de Montrove e o mesmo núcleo urbano de Perillo.
O concelleiro do BNG-Asembleas Abertas en Oleiros, Fran Rei, visitou hai uns días o aludido tramo da Avenida Rosalía de Castro acompañado de residentes na zona para coñecer sobre o terreo as súas demandas e propostas. O portavoz municipal nacionalista considerou a reivindicación da veciñanza de sentido común e situouna en plena sintonía cun dos eixos sobre os que pivota o modelo de concello que defende o BNG-Asembleas Abertas, onde planificación urbana e mobilidade estean plenamente interrelacionadas e onde a mobilidade sexa entendida como dereito non só de quen se despraza sobre catro rodas.