AS NACIONALISTAS TEÑEN ALERTADO EN DISTINTOS PLENOS MUNICIPAIS SOBRE O DETERIORO DESTE PASO, VERDADEIRO “PUNTO NEGRO POTENCIAL” DA REDE VIARIA DO MUNICIPIO
O BNG de Oleiros urxe o repintado do paso de peóns situado xunto ao CEIP Luís Seoane e o Pavillón Municipal José Antonio García Nieto, en Canide
O paso de peóns situado na Avenida de María Pita da parroquia de Maianca á altura do Pavillón Municipal José Antonio García Nieto, e polo que se cruza entre o CEIP Luís Seoane e o Bar Canide, presenta desde hai anos un preocupante estado de abandono.
O paso de peóns situado na Avenida de María Pita da parroquia de Maianca á altura do Pavillón Municipal José Antonio García Nieto, e polo que se cruza entre o CEIP Luís Seoane e o Bar Canide, presenta desde hai anos un preocupante estado de abandono.
Sobre dito mal estado, e a urxencia inaprazábel do seu repintado e a necesidade de reforzar a súa visibilidade, leva moito tempo alertando o BNG de Oleiros, que trasladará un novo rogo ao goberno municipal na sesión plenaria do Concello prevista para o vindeiro día 31. Non será a primeira vez, pois xa en anteriores plenos Fran Rei advertiu deste potencial punto negro da rede viaria oleirense e instou a que executivo municipal e Xunta de Galiza se poñan de acordo (a Avenida de María Pita é nese punto unha estrada de titularidade autonómica) para acometer con urxencia unha actuación tan sinxela como necesaria.
O BNG de Oleiros considera especialmente grave o estado de abandono do paso de peóns pola zona especialmente sensíbel na que se encontra, a moi escasos metros dun centro de educación de infantil e primaria e dun pavillón municipal no que se desenvolven multitude de actividades e eventos deportivos. Dito paso comunica, ademais, co único negocio de hostalaría de toda a zona e tamén con outro estabelecemento comercial, ademais de coa parada do transporte público en sentido Mera.