MEDIO AMBIENTE, MOBILIDADE OU ENSINO CONCENTRAN, UN ANO MÁIS, O GROSO DAS PROPOSTAS NACIONALISTAS PARA O MUNICIPIO
O BNG de Oleiros traslada ao debate parlamentario sobre os Orzamentos da Xunta para 2019 propostas para o municipio por valor de 4 millóns de euros
Un ano máis, o BNG de Oleiros vén de trasladar ao Parlamento de Galiza toda unha serie de propostas de investimento para o municipio no marco do debate do proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2019 que estes días está a ter lugar na Cámara galega.
Un ano máis, o BNG de Oleiros vén de trasladar ao Parlamento de Galiza toda unha serie de propostas de investimento para o municipio no marco do debate do proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2019 que estes días está a ter lugar na Cámara galega.
As propostas que, en forma de emenda, traslada o Bloque de Oleiros a través das deputadas e deputados nacionalistas ao debate orzamentario ascenden, no total, a uns catro millóns de euros.
Desta cantidade total, de novo dúas reivindicacións concretas suman a metade do total proposto: no apartado de ensino e igualdade, a creación dunha nova escola infantil de 0-3 anos, cuxo emprazamento o BNG defende na parroquia de Nós, a terceira do municipio en poboación; e no apartado de mobilidade, a mellora da seguridade viaria na AC-174 (Avenida de Rosalía de Castro, especialmente na travesía de Montrove), tan longamente demandada pola veciñanza.
Os centros de ensino de Oleiros, e as necesidades das súas comunidades educativas, son obxecto doutra das emendas presentadas polo BNG, neste caso por valor de 900.000 €. Cabe recordar, por exemplo, o “conto de nunca acabar” coa ampliación do comedor do CEIP Valle Inclán de Perillo. Mais tamén a necesidade de renovación das instalacións do CEIP A Rabadeira de Oleiros, o máis antigo do concello, ou a necesidade dun patio cuberto no CEIP Juana de Vega de Nós, só por citar algúns exemplos.
Un ano máis, o BNG defende a través de emendas concretas que a Xunta de Galiza “mire” polo porto de Lorbé, actualmente o único do municipio con actividade económica destacábel. E, neste sentido, preséntanse senllas emendas para que Portos de Galiza executen sen máis demoras o aparcadoiro e a rede de saneamento proxectadas hai xa case unha década.
Os outros investimentos propostos para Oleiros nas contas autonómicas para 2019 quedan no ámbito da Consellaría de Medio Ambiente: o BNG propón aumentar en medio millón de euros o orzamento do CEIDA, no que debería ser o inicio dun plan de financiamento plurianual estábel que asegure xa non a supervivencia, senón o crecemento dun centro de estudo e divulgación tan absolutamente referencial. Na mesma liña, o Bloque segue a demandar, impulsando neste caso unha dotación económica para ese fin, un desenvolvemento real da figura do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes mediante a redacción e execución dun plan de xestión do espazo protexido.