O BNG de Oleiros preguntará ao goberno municipal polos usos do Castelo de Santa Cruz
O pasado sábado 7 de xullo á mañá tivo lugar no Castelo de Santa Cruz, sede do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza (CEIDA), un evento de carácter privado totalmente alleo ás actividades divulgativas ou formativas que alí se desenvolven.
Tal celebración, segundo indicaba a decoración colocada na pasarela pola que se accede ao Castelo e segundo puido confirmar o BNG, estivo relacionada co casamento dunha parella. Un feito que sorprendeu á veciñanza de Santa Cruz, pois o Castelo non costuma cederse nin alugarse, dada a natureza das súas actividades, para ningún evento particular ou familiar. De estar contemplada esta posibilidade, sen dúbida moitas serían as parellas, de Oleiros e de fóra, que terían gustado de celebrar a súa voda neste tan emblemático lugar.