O BLOQUE DIRIXIRASE A TODOS OS COLECTIVOS SOCIAIS ACTIVOS NO MUNICIPIO PARA RECOLLER IDEAS, COÑECER PROPOSTAS E NECESIDADES E INTERCAMBIAR OPINIÓNS SOBRE MODELO DE CONCELLO
A asemblea local do BNG de Oleiros acorda o seu calendario de traballo para as municipais
O BNG de Oleiros celebrou no serán deste martes no Lar Espazo Aberto de Santa Cruz unha asemblea local para definir o seu calendario de traballo para as municipais do 26 de maio.
O BNG de Oleiros celebrou no serán deste martes no Lar Espazo Aberto de Santa Cruz unha asemblea local para definir o seu calendario de traballo para as municipais do 26 de maio.
Trátase do seguinte paso do proceso após as asembleas abertas de rendición de contas sobre o traballo feito no mandato que está a finalizar desenvolvidas nas diferentes parroquias do concello ao longo deste pasado mes de febreiro.
Na asemblea local celebrada este martes acordouse desenvolver unha serie de encontros sectoriais abertos á participación da veciñanza: terán lugar os días 26 de marzo e 2 de abril. Serán estes encontros os que fixen os esteos do programa electoral nacionalista en materias como territorio e vivenda, mobilidade, igualdade, cultura, deporte, emprego e economía social, lingua, participación veciñal e calidade democrática ou benestar animal.
O BNG buscará para estes encontros sectoriais coñecer de primeira man proxectos exitosos en concellos onde o Bloque ten responsabilidades de goberno municipal e beberá, ademais, das propostas que a veciñanza vaia achegando a través da aplicación de móbil que vén de ser creada, do resto de redes sociais, do correo electrónico ou mesmo de maneira presencial. De feito, convidarase expresamente a participar nestes encontros a todas as veciñas e veciños que fagan chegar as súas iniciativas a través das canles citadas.
A asemblea local nacionalista acordou tamén iniciar unha xeira de encontros con todos os colectivos sociais activos no municipio para coñecer de primeira man as súas propostas e necesidades e intercambiar opinións sobre o modelo de concello a deseñar para as próximas décadas. A formación dirixirase por escrito a todos eles xa nos próximos días.
O BNG celebrará o xoves 11 de abril unha nova asemblea local, de carácter aberto, para decidir sobre o programa na súa totalidade e tamén para aprobar con carácter definitivo a totalidade da candidatura nacionalista para as municipais do 26 de maio.