O BNG de Oleiros conmemora o domingo 24 o Día de Galiza Mártir en Nós, dedicado a Sira Alonso

Sira Alonso
Sira Alonso

A persoa lembrada este ano é Sira Alonso, cuxos Diarios acaban de ser reeditados

O BNG de Oleiros conmemora o domingo 24 o Día de Galiza Mártir en Nós, dedicado a Sira Alonso

Como cada ano, ao redor da conmemoración do Día da Galiza Mártir, na que lembramos o fusilamento de Alexandre Bóveda, o Bloque Nacionalista Galego de Oleiros organiza un acto que xa ten case tres décadas de historia, co obxectivo de manter viva a memoria e darnos a oportunidade de non esquecer o que debería ser inesquecible.

Este ano, o acto, que terá lugar ás 12:00 do domingo 24 de agosto na Praza da Liberdade de Nós, a carón da Casa do Pobo, xirará ao redor da figura de Sira Alonso, coincidindo tamén coa entrega dos restos do seu home, Francisco Miguel, á familia na Coruña, que terá lugar o próximo 29 de setembro. Lembraremos a figura de Sira e a forza dos seus diarios, nos que dá testemuño da represión e o medo tras a detención e desaparición do seu home, cuxos restos foron recuperados en 2023 en Bértoa.

Sira Alonso e Francisco Miguel viviran durante tres anos en Santa Cruz, na casa que a propia Sira denominara Casa da Felicidade.

No acto, para contribuír a reivindicar e lembrar a Sira Alonso, intervirán a escritora Laura Rey Pasandín, autora, entre outros, da novela As mans da terra, a deputada do BNG no Parlamento Galego Iria Taibo, a historiadora e vicepresidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda Carmela Galego, que fará un repaso sobre as figuras de Sira Alonso e Francisco Miguel e a xornalista Claudia Morán, que achegará historias da represión fascista na nosa contorna. O acto pecharase coa actuación musical de Brais Morán, antes da tradicional ofrenda de caraveis no monolito conmemorativo que se atopa no exterior da Casa do Pobo.

O BNG de Oleiros conmemora o domingo 24 o Día de Galiza Mártir en Nós, dedicado a Sira Alonso