O BNG de Oleiros conmemorou o Día de Galiza Mártir en Nós, reivindicando a figura de Sira Alonso
Ademais, houbo espazo para lembrar a gravidade dos lumes que está a sufrir o país este verán e o xenocidio do pobo palestino
Todos os anos, arredor do 17 de agosto, día no que se conmemora o Día da Galiza Mártir, en lembranza do asasinato de Alexandre Bóveda, Nós acolle un acto para recordar diferentes persoas que sofreron a represión fascista, desde hai case 30 anos. Este domingo, o Bloque Nacionalista Galego de Oleiros organizou un acto co obxectivo de manter viva a memoria e darnos a oportunidade de non esquecer o que debería ser inesquecible, nesta ocasión centrado en Sira Alonso, cuxos Diarios reeditou recentemente Alvarellos. Ademais, a data coincide tamén coa entrega dos restos do home de Sira, o pintor Francisco Miguel, á familia na Coruña, que terá lugar o próximo 29 de setembro. Sira Alonso e o seu home viviran uns anos na que Alonso denominara a Casa da Felicidade, en Santa Cruz.
Laura Rey autora, entre outros, da novela As mans da terra, introduciu o acto lembrando persoas como a súa propia avoa, precursora e loitadora muller que tamén foi veciña de Nós. A deputada nacionalista, a oleirense Iria Taibo, agradeceu as persoas que mantiveron viva a tradición deste acto, entre eles o compañeiro de Nós Manuel Ferreiro Bra, organizador do acto nos últimos anos, ademais de lembrar a traxedia que está a vivir o país nestas últimas semanas debido aos lumes. Tamén quixo facer referencia ao xenocidio que está a cometer Israel, “o ataque de Israel contra o pobo palestino non comezou en outubro de 2023, e igual que acontece coa nosa memoria, é imprescindíbel sermos conscientes da historia para podermos reivindicar a xustiza”.
A xornalista Claudia Morán centrouse na importancia da reivindicación da memoria, non desde unha visión ritual senón como único xeito de entender a nosa historia e de dignificar o pasado das persoas que loitaron pola liberdade. A vicepresidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Carmela Galego, glosou a vida e a obra de Sira Alonso, e explicou a importancia dos escritos de Alonso. O acto pechouse coa actuación musical de Brais Morán, antes da tradicional ofrenda de caraveis ante o monumento de homenaxe a Alexandre Bóveda que se atopa no exterior da Casa do Pobo.