O BNG de Oleiros denuncia o peche do cupo de médicos de familia no Centro de Saúde da Covada desde o mes de xuño
A situación impide solicitar cambios de médico para este centro ou que os novos residentes na súa contorna próxima poidan acceder a el.
O Bloque xa alertou de que Centro de Saúde da capital municipal é o único do municipio que non conta con servizo de pediatría.
Os cupos dos dous médicos de atención primaria no Centro de Saúde da Covada, o de máis recente creación no municipio, levan fechados desde o mes de xuño. Así llo fixeron saber veciñas e veciños da contorna da capital municipal, usuarios do centro, ao BNG de Oleiros.
Esta situación de bloqueo implica que ningunha veciña ou veciño poida solicitar cambio de médico para os facultativos que prestan o seu servizo na Covada ou, aínda máis grave, que as novas e os novos residentes na contorna da capital municipal, a quen por proximidade tería que corresponder este centro de saúde, estean a ser derivados aos centros de de Perillo e Santa Cruz.
A zona de Oleiros á que presta servizo o Centro de Saúde da Covada experimentou na última década unha importante transformación urbanística que conlevou un importante aumento da poboación, especialmente na contorna da capital municipal. Este aumento aínda será maior proximamente, unha vez que se completen as urbanizacións previstas na Praza da Rabadeira e na zona da piscina de Oleiros.
O BNG critica que a única solución aportada polo SERGAS sexa derivar as persoas usuarias para os dous principais centros de saúde do concello, Perillo e Santa Cruz, cando estes xa están ao límite da súa capacidade. De feito, no último mes veciñas e veciños de Perillo denunciaban demoras nas citas médicas de até unha semana por falta de médicos dispoñíbeis, ao non se cubrir as baixas ou as ausencias con substitucións en todos os casos.
Como xa denunciou o BNG o pasado mes de maio, o Centro de Saúde da Covada tamén é o único do municipio que non conta con servizo de pediatría, malia que o perfil máis habitual da nova poboación que se instalou na zona na última década sexa o de parellas con fillos pequenos. No pleno municipal do mes de xuño aprobouse, coa abstención do PP, unha moción do BNG en demanda da implementación deste servizo.
O BNG de Oleiros pídelle ao goberne municipal acelerar o cumprimento do acordo plenario e que lidere, como noutras ocasións, as demandas veciñais en defensa do dereito a unha sanidade 100% pública e de calidade.