O BNG pide coñecer as propostas veciñais que se fixeron chegar ao proxecto de orzamentos para 2016
Fran Rei formulou esta solicitude na Comisión informativa previa ao Pleno e a 1ª Teniente de Alcalde remitiuno directamente á Alcaldía
O portavoz municipal nacionalista considera natural que todos os grupos coñezan as propostas achegadas polas entidades para poder contrastar a súa incorporación ao proxecto de Orzamento
O concelleiro nacionalista de Oleiros, Fran Rei, solicitou formalmente á Alcaldía poder acceder á información sobre as propostas que as diferentes entidades culturais, veciñais, deportivas ou educativas de Oleiros achegaron no proceso previo á elaboración do proxecto de Orzamentos Municipais para 2016, que o vindeiro luns debaterá o Pleno.
A través de diferentes canles informativas, o goberno municipal de Oleiros explica como cada ano dirixe un escrito aos diferentes colectivos sociais do municipio para que fagan chegar as súas propostas ao proxecto de orzamento municipal. Posteriormente, o mesmo executivo adoita convocar un acto público con estes colectivos para lles presentar as liñas globais do proxecto orzamentario que logo leva ao Pleno para a súa aprobación. O encontro deste ano tivo lugar na Casa Charry de Oleiros o pasado día 20 de novembro.
Fran Rei solicitou información sobre as propostas concretas achegadas polas entidades sociais do concello no marco da comisión informativa previa ao Pleno que tivo lugar o venres pasado, na que entroutros asuntos se ditaminou inicialmente o proxecto de Orzamento para 2016. O concelleiro nacionalista solicitaba saber cantas entidades responderon a convocatoria municipal e participaron efectivamente deste proceso, que o goberno local desde sempre presenta como tremendamente participativo, facendo propostas concretas.
O BNG considera absolutamente normal que, no exercicio das súas funcións de control democrático da acción do goberno, todos os grupos poidan ter coñecemento das propostas dos colectivos cidadáns do municipio coa fin de poder contrastar no proxecto de Orzamentos en que grao se incorporan as propostas veciñais e, así mesmo, poder coñecer por que non se incorporan outras, se fose o caso.
Na comisión informativa municipal a 1ª Teniente de Alcalde, María José Varela, indicou ao portavoz nacionalista que o expediente do proxecto orzamentario non incorpora directamente as achegas veciñais e remitiuno á Alcaldía para poder ter acceso a esa información, que o BNG agarda poder obter.