FRAN REI TAMÉN PROPORÁ AO GOBERNO MUNICIPAL ESTUDAR A POSIBILIDADE DUN IRMANDAMENTO SIMBÓLICO COA VILA PORTUGUESA DE GRÂNDOLA
O BNG proporá ao pleno de mañá dedicar espazos públicos de Oleiros ao 25 de abril portugués e aos Mártires de Carral
O BNG de Oleiros recupera para o pleno municipal que se celebra mañá xoves 26 de abril a proposta, xa formulada noutras ocasións, de dedicar algún espazo público do concello a dous feitos históricos que se conmemoran, precisamente, hoxe e mañá: a revolución que marcou a caída da ditadura e o retorno da democracia ao país veciño en 1974, e a chamada Revolución Galega de 1846, que rematou un 26 de abril de aquel ano co fusilamento dos chamados “Mártires de Carral”.
O rueiro municipal de Oleiros conta, desde a recuperación da democracia nos concellos coas eleccións de 1979, cunha extensa relación de nomes vinculados a ideais de transformación revolucionaria da sociedade en distintas latitudes do planeta. A presenza destes nomes tense convertido, de feito, nun dos principais sinais de identidade do municipio e suscita interese mesmo no ámbito internacional pola súa singularidade.
Coa vontade de seguir apostando nesta liña política, que sempre apoiamos, o BNG de Oleiros recupera para o pleno municipal que se celebra mañá xoves 26 de abril a proposta, xa formulada noutras ocasións, de dedicar algún espazo público do concello a dous feitos históricos que se conmemoran, precisamente, hoxe e mañá: a revolución que marcou a caída da ditadura e o retorno da democracia ao país veciño en 1974, e a chamada Revolución Galega de 1846, que rematou un 26 de abril de aquel ano co fusilamento dos chamados “Mártires de Carral”.
O BNG propón dedicar a estes dous feitos históricos algún espazo público, sexa en forma de rúa, praza, parque ou equipamento, co ánimo de reseñar a súa importancia histórica na loita pola defensa da liberdade e ampliar a súa visibilidade e grao de coñecemento por parte de toda a sociedade.
No caso de que na actualidade non haxa espazos públicos dispoñíbeis para asignarlle nova denominación, como o executivo local ten sinalado cando o BNG solicitou o nome dunha rúa ou algún outro espazo para as Irmandades da Fala con ocasión do centenario destas ou para Manuel Lugrís Freire, fundador das mesmas e funcionario do Concello de Oleiros nunha parte da súa vida, o que propón o Bloque é acordar a “reserva” destes nomes para cando vaia habendo novos desenvolvementos urbanísticos.
No caso da proposta dunha rúa ou espazo para o 25 de abril portugués, o BNG propón como denominación concreta a de Grândola Vila Morena, como o tema interpretado polo cantor José Afonso que quedou para a historia como himno da revolución. Fran Rei tamén proporá ao goberno local, en paralelo, estudar a posibilidade dun irmandamento coa vila portuguesa de Grândola a semellanza do que Oleiros xa ten desde hai anos coa localidade italiana de Buccino.