O Concello ameaza con multarnos por colocar cartaces con celo en dúas marquesiñas de Montrove

O Concello ameaza con multarnos por colocar cartaces con celo en dúas marquesiñas de Montrove

Fran Rei acudiu de inmediato a Montrove a retirar os cartaces coas súas propias mans: “Ten un grave problema quen confunde espazo público e patrimonio persoal. Non nos van poder calar”

 Oleiros é o único concello da contorna que non ofrece espazos públicos, tales como valos ou taboleiros móbiles, para colocar propaganda electoral

 O candidato do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía de Oleiros, Fran Rei, acudiu esta mañá á Casa do Concellopara recoller en man unha notificación cuxa existencia lle fora comunicada telefonicamente o día anterior.

 O dito escrito é unha providencia do departamento municipal de Interior asinada pola Primeira Tenente de Alcalde, María José Varela, na que se advirte ao BNG-Asembleas Abertas con sancionalo se non retira uns cartaces colocados en dúas marquesiñas da Avenida Rosalía de Castro, na localidade de Montrove: se nun prazo de 24 horas non se retiraren, serán os servizos municipais quen o fagan, pasándolle o Concello a factura do servizo á nosa organización. Todo isto, segue a providencia, sen prexuízo de aplicarse a correspondente sanción por infracción grave da Ordenanza Xeral de Limpeza do Concello de Oleiros, cun valor que oscilaría entre os 501 e os 1.500 euros.

 A providencia refírese a un total de seis cartaces colocados con cinta adhesiva nas marquesiñas do transporte público situadas no núcleo de Montrove, á altura do Restaurante Montrove. Dáse o caso de unha das marquesiñas estar seriamente deteriorada, algo que parece non ser obxecto da atención do goberno municipal. 

 Inmediatamente despois de recibir a notificación, Fran Rei desprazouse a Montrove e procedeu a retirar persoalmente os cartaces aludidos das marquesiñas para evitar que se puidese facer efectiva a sanción económica.

 O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros considera que o goberno municipal fai unha interpretación extrema, interesada e partidista da Ordenanza Xeral de Limpeza para evitar que forzas políticas como a nosa, con menos medios materiais, poida chegar ao electorado en igualdade de condicións. O goberno municipal unicamente pon ao dispor das candidaturas electorais as farolas, en tramos urbanos de 23, a radio municipal no tempo mínimo imprescindíbel (determinado pola Xunta Electoral) e unha serie de locais e espazos públicos para a celebración de actos. Mais é, por exemplo, o único concello da contorna que non coloca valos ou taboleiros en espazos especialmente visíbeis dos núcleos de poboación para que as diferentes candidaturas poidamos colocar a nosa propaganda.

 É o mesmo goberno municipal que non ten reparo ningún en mobilizar, en horario de traballo, persoal e recursos municipais para o acondicionamento dos espazos e a montaxe das chamadas “Ceas Frías” que o partido gobernante celebra nas distintas parroquias o que ameaza cunha sanción económica de até 1.500 € por colocar con celo un cartaz que logo, como sempre foi costume no BNG, sería retirado unha vez celebradas as eleccións.

 “Non chegou con desprezar todas as nosas propostas en catro anos, con insultarnos, con invisibilizarnos na radio municipal ou con concedernos un espazo case ilexíbel no Vivir en Oleiros: tamén nos queren fóra das rúas porque hai quen pensa que son propiedade persoal, como lle pasaba a Manuel Fraga”, conclúe Fran Rei.

IMG_20150515_122013419

O Concello ameaza con multarnos por colocar cartaces con celo en dúas marquesiñas de Montrove