Aproveitar máis e mellor a Facultade de CC do Deporte para a dinamización do deporte en Oleiros
Integrantes da candidatura nacionalista mantiveron un encontro co equipo decanal do centro universitario con sede en Bastiagueiro
O candidato do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía de Oleiros, Fran Rei, e a nº 3 da candidatura, Lucía López de Castro, mantiveron esta mañá un encontro co equipo decanal da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, dirixido por Xurxo Dopico.
Nun marco de máxima cordialidade e boa disposición á colaboración, Fran Rei destacou a participación activa de distintas persoas vinculadas ao tecido deportivo de base de Oleiros no proceso de elaboración das propostas sectoriais incluídas no programa do BNG-Asembleas Abertas.
A aposta da candidatura nacionalista para a dinamización do deporte desde o Concello, explicou Rei, pasa por superar unha certa sensación de impasse e de continuismo na xestión municipal dos últimos anos e por articular un plan de dinamización da práctica deportiva, con propostas imaxinativas e que á vez non teñen por que supoñer un grande investimento económico.
Fran Rei mostrouse convencido de que as propostas políticas para o eido deportivo non se poden reducir soamente a falar de que tipo de herba levan os campos de fútbol e que, sen restarlle valor ao fútbol, cómpre falar tamén de diversificación da práctica deportiva, de apoio ao deporte feminino e ou da visibilización de todas as disciplinas. Unha das propostas incluídas no programa do BNG-Asembleas Abertas neste ámbito é a creación de escolas deportivas municipais para potenciar o deporte base. Para o candidato nacionalista, con dúas finalidades: naturalizar a práctica deportiva fóra do horario escolar na infancia e ao mesmo tempo facilitar actividades comunitarias que permitan ás familias facer vida en Oleiros, de maneira que o deporte se converta nun elemento que axude a fixar poboación sobre o territorio e a dar vida aos núcleos de poboación.
Outra das iniciativas centrais e inmediatas que propón o BNG é a creación dun Consello Municipal de Deportes, con presenza dos clubes e da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, que poida servir de foro de ideas desde o que pór en marcha iniciativas novas.
Para o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros é un auténtico luxo contar cun centro universitario de referencia como é a Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física no municipio. Tamén unha oportunidade con enormes potencialidades que a candidatura nacionalista propón aproveitar máis e mellor, non só como apoio á dinamización da práctica deportiva e de lecer saudábel entre a veciñanza, senón polo valor que posúe como centro xerador de I+D+I e como laboratorio de proxectos Unha verdadeira industria que Oleiros pode e debe aproveitar como fonte de riqueza, de emprego e de benestar.
A candidatura nacionalista en Oleiros voltará o mércores ao centro para manter un encontro aberto con estudantes e profesorado ás 13.30 na cafetaría da Facultade.