Emendas aos orzamentos da Xunta para 2016: 3,5 millóns de € ao servizo da maioría social

Emendas aos orzamentos da Xunta para 2016: 3,5 millóns de € ao servizo da maioría social

O ensino, a vivenda, a mellora da seguridade viaria nas estradas, o acondicionamento de instalacións portuarias ou o incremento de fondos destinados ao CEIDA son algunhas das propostas nacionalistas

 Fran Rei, portavoz municipal do BNG-Asembleas Abertas: “Pedirlle á Xunta algo máis de 100 € por oleirense non é unha cantidade desproporcionada para un municipio que está entre os dez máis poboados de Galiza”

 

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros vén de recoller un total de dez propostas concretas para introducir como emendas de mellora durante a tramitación parlamentaria do proxecto dos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2016.

Trátase de propostas de investimento que suman un total algo superior aos 3 millóns e medio de €, “algo máis de 100 € por oleirense, cantidade pensamos que non desproporcionada para un municipio da nosa extensión e situado entre os dez máis poboados do país”, segundo o portavoz municipal da formación nacionalista, Fran Rei.

Os principais investimentos propostos polo BNG van, como en anos anteriores, para o ensino, o dereito á vivenda, a mellora da mobilidade e a seguridade viaria, a dinamización da economía e do turismo ou o apoio a centros de excelencia na educación e a divulgación ambiental, como é o CEIDA de Santa Cruz.

Así, o investimento máis grande que propón o BNG, un total de 700.000 €, vai para acometer un proxecto integral de rehabilitación das vivendas de titularidade autonómica do Mesón da Auga, no Carballo, afectadas desde hai anos por inumerábeis defectos de construción. Senllas partidas, de 600.000 € cada unha, son as que se propoñen para obras de seguridade viaria, mellora da calzada, reposición de marquesiñas e sinaléctica ou accesos peonís seguros nas estradas de titularidade autonómica AC-172 e AC-173 e, no apartado do ensino, para a construción dunha escola infantil de 0-3 anos na parroquia de Nós, a terceira máis poboada do concello, proxecto que conta desde hai anos cunha parcela municipal cedida para tal fin na zona do Seixal.

600.000 € é tamén a cantidade inicial que o BNG propón investir no proxecto de mellora das instalacións do CEIP Valle Inclán de Perillo, un dos centros de ensino máis afectados pola masificación nos últimos anos.

No ámbito da seguridade viaria, os nacionalistas introducen tamén, como en anos anteriores, unha proposta de investimento de 100.000 € para a creación dunha rotonda no cruce da Chasqueira, na AC-221 ao seu paso pola parroquia de Nós, un dos puntos máis perigosos da rede viaria oleirense para a seguridade do tráfico.

No ámbito do mar, o BNG volve introducir como proposta a inclusión dunha partida de 60.000 € para a creación dun fondadeiro na zona do Xunqueiro, en Mera, e unha rampa de varada para as embarcacións que empregan estas augas, tal e como levan tempo a propoñer as entidades sociais da localidade Clube Náutico Punta Bufadoiro e Clube Deportivo Mariñeiro.

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros proporá de novo, a través da tramitación parlamentaria próxima a se iniciar, a fin “do estado de excepción orzamentario” que afecta a supervivencia financeira do CEIDA, un centro de divulgación e educación ambiental único en Galiza que é, asemade, un auténtico referente internacional e que, a pesar disto, padeceu con especial dureza os efectos da crise con recortes que supuxeron unha merma considerábel no seu cadro de persoal, recursos e posibilidades. Os nacionalistas propoñen aumentar, no mínimo, en 300.000 € a dotación orzamentaria que a Xunta de Galiza achega ao CEIDA “para blindar” o seu futuro. No mesmo sentido, propoñen un investimento de 60.000 € para garantir a apertura da Casa do Fareiro de Mera durante todo o ano coa finalidade de esta poder cumprir adecuadamente a súa función como centro de interpretación do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes.

O proxecto de orzamentos da Xunta para 2016 inclúen, ao menos parcialmente, outras actuacións longamente demandadas polo BNG para Oleiros, tales como a conexión da Vía Ártabra co porto de Lorbé, a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 ou o tanque de tormentas no Porto de Santa Cruz, vital para o saneamento das augas. Son, en opinión de Fran Rei, “investimentos que chegan tarde, mal e arrastro e que só responden aos habituais cálculos preelectorais aos que nos ten afeitos o Partido Popular”.

20150521_132230

Emendas aos orzamentos da Xunta para 2016: 3,5 millóns de € ao servizo da maioría social