Urxe unha solución definitiva para a pasarela peonil do INEF en Bastiagueiro

Urxe unha solución definitiva para a pasarela peonil do INEF en Bastiagueiro

Se a Xunta de Galiza non asume as súas responsabilidades como titular da estrada, o BNG proporá ao Concello asumir a obra necesaria para garantir o dereito á seguridade viaria

 

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, consideran que a Universidade da Coruña, a Xunta de Galiza e o Concello de Oleiros deben buscar unha solución conxunta e definitiva para a pasarela peonil de Bastiagueiro situada á altura da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (antigo INEF), fechada desde hai varios meses debido ao seu avanzado estado de abandono e o perigo que supuña para as persoas usuarias atravesala.

Tanto o BNG como a organización xuvenil nacionalista, que leva meses recollendo queixas do alumnado do centro universitario, cren “impresentábel” que as institucións implicadas se limiten a negar a súa titularidade sobre a infraestrutura para así evitaren asumir a súa reparación ou, como xa se suxire, a súa desmontaxe, dada a proximidade doutro paso peonil máis recente e en mellores condicións a poucos metros do centro universitario. Na práctica, porén, a clausura da pasarela máis próxima á Facultade supón que cada día ducias de estudantes cruzan a pé a calzada dunha estrada, a AC-173, que soporta un tránsito diario de millares de vehículos, o que ocasiona problemas evidentes para a seguridade viaria, tanto dos vehículos a motor como de peóns e ciclistas.

Fran Rei, portavoz municipal nacionalista en Oleiros, pídelle ás institucións que actúen con responsabilidade e busquen con urxencia unha solución concreta e definitiva para esta infraestrutura semiabandonada, sempre de acordo cos criterios que estabelezan os técnicos. “Se a mellor solución é a desmontaxe, desmóntese; se é reparábel, repárese”, sinalou Rei. “O que non fai sentido é pasar o ano enteiro a xogar ao gato e ao rato, mentres o tempo pasa e a pasarela segue fechada e abandonada”, engadiu.

BNG e Galiza Nova de Oleiros consideran que non é de recibo que unha simple cuestión burocrática vaia retrasando sine die a resolución do problema. Sendo a AC-173 unha vía de titularidade autonómica, con múltiplos problemas pendentes de solución sobre os que a Xunta de Galiza non permite actuar ao Concello de Oleiros, como en diferentes ocasións este ten denunciado, debe ser a Consellaría de Infraestruturas e Vivenda a que se responsabilice da infraestrutura, “mesmo por ser, de entre as administracións aludidas, a que dispón de máis medios e recursos para o facer”, sinalou Fran Rei.

No caso de non querer responsabilizarse a Xunta, o BNG proporá ao goberno municipal de Oleiros que o Concello asuma a desmontaxe ou reparación da pasarela, mesmo non sendo da súa competencia, como se ten feito noutras ocasións cando o que está en xogo é o dereito á mobilidade e a seguridade viaria nas estradas do municipio.

20140523_134712

Urxe unha solución definitiva para a pasarela peonil do INEF en Bastiagueiro