NOTA ACLARATORIA SOBRE A CONVOCATORIA DUNHA CONCENTRACIÓN CONTRA A INVASIÓN DA UCRAÍNA ESTE DOMINGO.

A forma de facer as cousas tamén é importante

WhatsApp Image 2022-03-04 at 5.29.58 PM
A forma de facer as cousas tamén é importante

Onte coñecemos, con sorpresa, a través das redes sociais a convocatoria dunha concentración contra a invasión da Ucraína para este vindeiro domingo en Santa Cristina. Sorpresa non polo motivo da convocatoria, dunha gravidade fóra de toda dúbida, senón polo feito de que no cartaz anunciador apareza como convocante a nosa organización, o BNG, xunto ao nome das outras tres forzas políticas da oposición municipal.

Como houbo xente que se dirixiu a nós preguntando, vémonos na necesidade de aclarar que o nome do BNG foi incluído sen contar expresamente connosco.

A semana pasada o portavoz municipal do PSOE de Oleiros anunciou que quería convocar "de urxencia" unha concentración contra a invasión da Ucraína diante do Concello xa nas primeiras horas logo do inicio da invasión: Jorge Pérez contacta co resto dos grupos e o noso portavoz municipal, Xurxo Martínez, explícalle a posición expresada pola Executiva Nacional do BNG e o noso apoio a calquera mobilización ou acción que vaia nesa liña. Finalmente esa convocatoria non se chega a producir porque o propio promotor é quen a fai decaer ao non dar conseguido, segundo explica, contactar co Alcalde de Oleiros para que o goberno municipal se sume. E aí quedou inicialmente todo.

Ao ver esta convocatoria para o domingo e o nome do BNG aí sen previo diálogo o noso portavoz municipal contacta cos outros grupos para expresar a nosa estrañeza e pedir explicacións. Ao parecer o que pasou foi que se deu por feito que a unidade acadada para a concentración fallida do pasado venres se mantiña e non viron necesario, ou non lles acordou, volver preguntar. Mais dar as cousas por feitas non nos parece a maneira máis formal nin seria de actuar. Máis alá da imaxe de pouco rigor que se poida ofrecer diante do noso pobo cremos que está tamén o mínimo respecto democrático que nos debemos entre as distintas forzas políticas, con independencia das diferenzas ideolóxicas que poidamos ter. Ese respecto democrático leva sendo unha das máis importantes señas de identidade do BNG en Oleiros desde que en 1999 acadamos por primeira vez representación municipal; un estilo do nos sentimos especialmente orgullosas e orgullosos e que non pensamos abandonar.

Ningunha das forzas políticas que aparecen como convocantes da concentración deste vindeiro domingo en Santa Cristina existe soamente en Oleiros: todas son forzas de ámbito estatal cunha posición política coñecida sobre o conflito na Ucraína, o relato sobre a súa orixe e o método de abordalo e resolvelo, tanto no relacionado co papel que debe xogar o goberno do Estado como no relacionado co escenario internacional. Son posicións, de inicio, bastante diferentes ás do BNG porque todas coinciden na vía do militarismo. E, aínda así, o BNG, que está en contra da invasión rusa e da guerra, que só cre no camiño da paz e da non violencia e que en toda esta barbarie o que lle doe é a poboación civil indefensa que trata de sobrevivir no medio do horror, non tería inconveniente en negociar e acordar para participar nunha mobilización que puidese sumar unha inmensa maioría. Por iso o BNG si que vai participar na mobilización que a Rede Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio, da que facemos parte xunto a case 80 entidades sociais máis, convoca para este domingo ás 12 da mañá no Obelisco da Coruña: porque para facela si que se partiu do diálogo e do acordo, buscando os puntos comúns e deixando a un lado diferenzas. Pero falando en pé de igualdade, contando antes con todas e todos.

Ante todo isto tivemos que pedirlle ás outras forzas políticas da oposición que eliminen o noso nome do cartaz da convocatoria do domingo en Santa Cristina. Insistimos: non porque non esteamos en contra da invasión rusa da Ucraína e porque non nos doa a súa poboación civil -como en calquera guerra. Simplemente porque non nos parece a maneira de facer as cousas.

E acabamos esta aclaración expresando a nosa total disposición a coñecer e falar coa AGA, a Asociación Galega de Axuda a Ucraína, para todo aquilo en que poidamos axudar.

Non á Guerra! Paz para Ucraína xa e para todos os pobos do mundo! Dereito a refuxio para todas as persoas que escapan das guerras!

A forma de facer as cousas tamén é importante