SE A CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS NON SABE COMO ASUMIR AS COMPETENCIAS DO SEU DEPARTAMENTO O MELLOR QUE PODE FACER É PEDIR PERDÓN E MARCHAR PARA A SÚA CASA

O BNG de Oleiros traslada ao Pleno municipal a loita da veciñanza do Couto, en Dorneda, por unha mobilidade segura

Sin título
Sin título
O BNG de Oleiros traslada ao Pleno municipal a loita da veciñanza do Couto, en Dorneda, por unha mobilidade segura

A veciñanza do Couto, na parroquia de Dorneda, leva meses mobilizándose, semana tras semana, para reivindicar unha mobilidade segura ao pé das súas casas. As persoas que viven alí queren, simplemente, poder transitar a pé, sen medo, polo seu núcleo de poboación e polos núcleos próximos: para visitar casas veciñas, para ir deixar as crianzas na parada do bus escolar ou que estas poidan voltar camiñando seguras de volta a casa, para ir a misa ou visitar o cemiterio...ou simplemente para pasear.

As características da Avenida da República Arxentina (estrada AC-173, de titularidade autonómica) non permiten cruzar a pé cunhas condicións minimamente seguras neste tramo do Couto. Desde o paso de peóns de Augarrío, uns centos de metros máis abaixo, a veciñanza non ten outro lugar seguro por onde cruzar até chegar xa a Arillo. No medio, entre un paso peonil e outro, ducias de vivendas a un e outro lado da estrada, e si, amplas beirarrúas con mobiliario urbano a unha e outra beira e até un carril bici. E catro paradas do autobús, que serven tanto para transporte público como para o escolar...ás que non se pode acceder de forma segura.

Entre Augarrío e o cemiterio de Dorneda a Avenida da República Arxentina é practicamente un tramo recto con dous sentidos da circulación. Ao tratarse a AC-173 dunha estrada cunha gran densidade circulatoria –moi acrecentada especialmente nos meses de verán –considerouse, seguramente, que viña ben para axilizar o tráfico subir o límite de velocidade deste tramo aos 70 km/h. Un deseño feito, unha vez máis, só para favorecer a mobilidade en automóbil, pero que deixa de lado as outras mobilidades, o dereito de todas as persoas á seguridade viaria e a unha accesibilidade segura no lugar no que viven. Vemos unha e outra vez como desde un despacho alguén deseña sobre un plano pensando todo como unha grande autoestrada, esquecendo que nas marxes viven persoas con dereitos. Esas persoas e eses dereitos son os que levan meses a reivindicarse no Couto.

Non é, por desgraza, algo novo en Oleiros: antes que no Couto foi en Lorbé, en Nós, no Mesón da Auga, en Breixo, en Montrove, en Perillo...Todo o curso da Avenida das Mariñas, da Pasaxe a Iñás, responde a ese mesmo modelo nefasto de mobilidade; por desgraza, nunhas cantas ocasións, con resultado de vidas perdidas no asfalto. Ao mesmo tempo que no Couto, estas últimas semanas soubemos que veciñas e veciños de Iñás denunciaban que as obras do novo tramo da Vía Ártabra os estaban a deixar sen acceso ás súas casas. Unha rede viaria dependente de decisións que se toman en despachos de fóra, ou na Xunta ou en Madrid, deseñada sen ningunha sensibilidade, sen ningún criterio humano, sen pensar nas persoas que habitamos o territorio.

A AC-173 é unha estrada que depende da Xunta de Galiza. Desde que a veciñanza comezou a mobilizarse hai meses a resposta da Consellaría de Infraestruturas do goberno do Partido Popular está a ser invariabelmente a de desentenderse do problema, botar balóns fóra e non querer asumir a súa responsabilidade. Pretendendo construír un debate-trampa, ofrecen como única solución transferir a titularidade dese tramo da estrada ao Concello de Oleiros unicamente para pasarlle a pataca quente a outros, para que dea coa solución outra administración. Pero quen ten que ofrecer a solución á veciñanza é quen ten as competencias sobre a rede viaria á que pertence a AC-173, a Xunta de Galiza do Partido Popular e do agora escapado para Madrid Alberto Núñez Feijóo. E se a Conselleira e o seu equipo non saben ou non dan, que teñan a honestidade de pedir perdón e marchar para a súa casa. Ou igual para un postiño en Madrid, agora que hai ofertas.

O BNG de Oleiros manifestou desde o primeiro momento o seu apoio incondicional á veciñanza do Couto e da Proba que se está a mobilizar cada luns. A través da nosa deputada Mercedes Queixas, presente no Couto en varias ocasións, trasladamos a xusta demanda veciñal ao Parlamento de Galiza. E no Pleno deste 31 de marzo, por medio dunha moción do noso portavoz municipal, Xurxo Martínez Caño, trasladámola ao Pleno para que o Concello pronuncie tamén todo o seu apoio a unha reivindicación que é de xustiza e de sentido común.

Mobilidade segura xa!     

O BNG de Oleiros traslada ao Pleno municipal a loita da veciñanza do Couto, en Dorneda, por unha mobilidade segura