Ofrenda floral en Nós para conmemorar o Día da Galiza Mártir
Hoxe, martes día 17 ás 20:30 horas, terá lugar na Praza da Liberdade en Nós unha ofrenda floral co gallo do Día da Galiza Mártir, centrado este ano na figura de Rafael Fernández Casas, mestre innovador, laico e galeguista. Foi un home comprometido con diferentes colectivos e fundador, entre outros, do Ateneo de Cultura Política e Social de Sada no ano 1935, polo que pasaron conferenciantes como Otero Pedraio e Ramón Suárez Picallo. A noite do 20 de agosto de 1936 foi detido na súa casa do Souto (Carnoedo, Sada) e paseado en Trasanquelos. O maxisterio coruñés foi dos máis sancionados, cun terzo dos e das docentes no periodo entre 1936 e 1942, segundo os datos do profesor Narciso de Gabriel, e con vinteseis execucións constatadas entre os mestres e mestras que o integraban.
Desde o BNG de Oleiros queremos contribuír á lembranza de todas aquelas persoas que loitaron por causas xustas e que a memoria histórica debe recoñecer, unha obriga moral e política na que participamos un ano máis.