Sobre o anuncio de supresión dos semáforos de Coruxo de Arriba
O BNG acolle con cautela o anuncio do goberno municipal de Oleiros de que serán eliminados os semáforos do cruzamento de Coruxo de Arriba, nas proximidades de Santa Cruz, e solicitaremos máis información para coñecer as razóns desta supresión. Toda vez que está anunciada, e en fase de adxudicación, a elaboración dun Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS), preguntámonos "se non sería máis prudente" agardar ás conclusións da primeira fase deste Plan, as de análise do estado da mobilidade na rede viaria municipal, para tomar a decisión.
O tramo urbano no que conclúe a Avenida do Che Guevara, unha estrada autonómica que en setembro de 2017 pasou a titularidade municipal, non só presenta unha importante densidade circulatoria (acrecentada nos meses de verán), senón que tamén está caracterizada pola presenza de servizos básicos, como son un importante centro de alimentación e proximamente un centro xeriátrico. É, ademais, zona de paso a pé e en bici para acceder desde Santa Cruz tanto a un centro escolar (o IES María Casares) como a un centro de ensino universitario (a Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, antigo INEF). Xa só por estas características, o BNG de Oleiros coincide con que calquera solución para a zona pasa por reforzar e facer seguros os pasos peonís.
Os dous semáforos existentes na actualidade en Coruxo de Arriba funcionan con pulsador, é dicir, baixo demanda do peón, polo que se ninguén solicita o paso permanecen en verde fixo para o tránsito rodado. Algo máis adiante, antes da rotonda, hai un paso peonil sen semáforo que, sobre todo en inverno, resulta inseguro para o cruzar a pé e debería ser tamén mellor iluminado. Ao mesmo tempo, tamén debería ser moi mellorada a plataforma para peóns e bicis situada na marxe esquerda deste tramo (a da urbanización situada frente ao Gadis) para facela realmente transitábel.
Agardamos que os traballos de elaboración do PMUS poidan comezar canto antes e que deles, cun proceso amplamente participativo, poida saír unha estratexia de mobilidade que priorice os peóns, as bicis, os VPM e o transporte público colectivo e avance decididamente en garantir o dereito á accesibilidade universal ao espazo público.