Orzamentos municipais de 2020: propostas do BNG
O BNG de Oleiros trasladará ao debate do proxecto de orzamentos municipais no Pleno de hoxe diferentes propostas en materias como promoción e dinamización da economía local como alternativa para a creación de emprego, seguridade viaria e accesibilidade universal, igualdade, dereito á vivenda, protección do patrimonio e dos espazos naturais, benestar animal ou eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático, entre outras.
Dando continuidade ao traballo político e social “de máxima proximidade” que vai desenvolvendo neste mandato, o BNG de Oleiros traslada ao debate do proxecto de orzamentos municipais no Pleno de hoxe diferentes propostas en materias como promoción e dinamización da economía local como alternativa para a creación de emprego, seguridade viaria e accesibilidade universal, igualdade, dereito á vivenda, protección do patrimonio e dos espazos naturais, benestar animal ou eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático, entre outras. Algunhas propostas achegadas ao Pleno son o froito do contacto directo estabelecido previamente coa veciñanza das diferentes parroquias do municipio.
Como xa vén sendo habitual ano tras ano, o proxecto orzamentario presentado polo goberno municipal da Alternativa dos Veciños chega lastrado por un “mal de raíz”: a falta de transparencia no seu proceso de elaboración do mesmo. Tanto é así que os grupos municipais chegan ao Pleno sen teren ningún coñecemento de cales son as propostas ou necesidades concretas trasladadas polo tecido asociativo do Concello á Alcaldía para teren o seu reflexo no Orzamento; non se sabe cales foron incluídas nin tampouco cales non e por que razón. Frente a unha metodoloxía opaca, o BNG insiste, unha vez máis, na necesidade de estabelecer mecanismos máis participativos, regrados e precisos, nos que haxa unha implicación real e activa do conxunto da veciñanza.
Diante dunhas previsións orzamentarias onde, un ano máis, volven destacar os elevados gastos en publicidade ou nos salarios dun sobredimensionado equipo de goberno, as propostas do Bloque están pensadas para mellorar a calidade de vida da xente e, particularmente, daquela veciñanza que non aparece nos listados da revista FORBES nin encabeza outras estatísticas fiscais de grandes fortunas, nun tempo de precariado laboral e salarial xeneralizado do que, por desgraza, non escapan moitas das nosas veciñas e veciños.
A vivenda é, neste sentido, unha materia recorrente en Oleiros, un Concello no que o prezo da mesma é particularmente alto. A necesidade da creación dunha bolsa de vivenda de aluguer é de novo urxente diante dun panorama que cada ano crece sen control, que vai expulsando a moitos habitantes a outros concellos do arredor. O uso dos instrumentos que propón o Plan Xeral, en colaboración con outras administración, require da vontade decidida do goberno municipal para ir máis aló do curto prazo e intervir, desde o público, non só sobre o solo e a súa xestión urbanística, senón tamén sobre o mercado da vivenda e os seus prezos. A creación dunha oficina municipal de rehabilitación, que o BNG xa ten proposto noutras ocasións, podería contribuír a xerar unha alternativa habitacional para moita xente que, ademais, tería outras vantaxes: consolidación dos núcleos existentes e fixación da poboación no territorio, conservación do patrimonio e dinamización da economía local.
O BNG non rexeita categoricamente o proxecto de orzamentos municipais que o goberno local de Oleiros somete hoxe á aprobación do Pleno, aínda que si que ve marxes evidentes de mellora para deseñar, pensando xa nas xeracións futuras, un concello que poida funcionar aínda mellor.