O BNG DE OLEIROS ESTÁ A CONTACTAR COA COMUNIDADE EDUCATIVA DO MUNICIPIO PARA COÑECER DE PRIMEIRA MAN AS SÚAS DEMANDAS E NECESIDADES CONCRETAS QUE TRASLADARÁ AO PLENO MUNICIPAL E AO PARLAMENTO DE GALIZA

Presentamos unha serie de propostas para garantir accesos seguros nos centros públicos de ensino

image_gallery
Fonte: www.oleiros.org

 Diante dun comezo de curso caracterizado pola improvisación da Consellería de Educación da Xunta de Galiza, o BNG de Oleiros presentará no vindeiro pleno unha moción en demanda dunha volta ás aulas segura frente á COVID-19, con plenas garantías hixiénico-sanitarias e con recursos suficientes para asegurar un ensino de calidade en sintonía coas demandas e necesidades das comunidades escolares.

Levamos días recollendo informacións e opinións dos diferentes axentes das comunidades educativas dos centros de ensino público de Oleiros para coñecer de primeira man cales son as necesidades, as demandas e as propostas que se lle están a formular á administración neste atípico e moi complexo inicio de curso. Ademais de dar traslado a esas demandas a través do Parlamento de Galiza, o Bloque de Oleiros incorporará todas esas reivindicacións concretas á moción que someterá a debate no pleno municipal deste mes para asegurar tamén o apoio dos outros grupos municipais.

A moción que proporá ao pleno o noso concelleiro, Fran Rei, incluirá tamén un conxunto de propostas para mellorar a seguridade no acceso aos centros públicos de ensino tomando en conta os estritos sistemas de entradas e saídas graduais estabelecidos por cada colexio nos seus protocolos frente á COVID.

Así, o BNG proporá ao goberno municipal acometer unha revisión a fondo dos diferentes viais de acceso a pé en cada un dos centros de Infantil e Primaria. No caso do colexio de Santa Cruz, por exemplo, vemos necesario acometer a mellora do tramo da Rúa do Saber que discorre entre a pontella sobre o río e a entrada principal ao Parga Pondal, periodicamente asolagado, especialmente nas temporadas de chuvia, ou unha actuación de acondicionamento do camiño que discorre por detrás do Pavillón Arsenio Iglesias para que aquelas familias que teñen nenas e nenos en Infantil e en Primaria non se vexan na obriga de dar un gran rodeo e poidan atallar con máis comodidade pola corredoira xa existente.  

O BNG tamén cre necesario prestarlle máis atención aos pasos de peóns, particularmente os situados nos arredores do CEIP Rabadeira de Oleiros e do CEIP Juana de Vega de Nós, así como á adecuación de beirarrúas e beiravías que permitan un acceso seguro a pé para nenas e nenos que viven nas proximidades dos centros e non usan o transporte escolar, de maneira que as manobras deste non supoñan ningún perigo. 

No caso do CEIP Valle Inclán de Perillo a proposta é reubicar unha parte das prazas de estacionamento situadas xunto á entrada principal do colexio, creando desta maneira unha zona segura para que as familias que agardan na saída polas nenas e nenos non se vexan forzadas a ocupar o medio da calzada da Avenida de Valle Inclán, co conseguinte perigo para a seguridade viaria.

Presentamos unha serie de propostas para garantir accesos seguros nos centros públicos de ensino