O pleno municipal aproba, a proposta do BNG, unha moción en demanda dun comezo do curso escolar seguro
A moción, á que van acompañar distintas iniciativas do Parlamento de Galiza da man da deputada nacionalista Mercedes Queixas, recolle boa parte das demandas e necesidades concretas dos distintos centros de ensino de Oleiros, como puido ir comprobando o BNG nunha primeira xeira de contactos coas ANPAS do municipio e outros axentes das comunidades escolares.
Contou co apoio de todos os grupos municipais agás o Partido Popular, que unha vez máis opta por confundir a disciplina militante coa fidelidade canina, como lamentou no pleno o portavoz do Bloque, Fran Rei.
A moción presentada foi a seguinte:
Comeza estes días un novo curso escolar. De nos limitarnos a botar unha ollada en de arredor nos centros públicos que temos máis próximos, os que temos no noso concello -non sen moitas loitas detrás para conseguilos - e de repararmos nas limitacións e carencias que de novo se repiten, nas reivindicacións comúns, pensaríamos que é un curso máis e nada novo baixo o sol. Un inicio de curso ao máis puro estilo das Consellarías de Educación dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo.
Mais non é este un curso escolar como os anteriores: hai un actor novo e letal que se presentou nas nosas vidas sen ser convidado e que anda a causar todo o dano que pode; unha pandemia mundial chamada COVID-19 que sega vidas humanas todos os días en todo o planeta e hospitaliza outras tantas; que provoca lóxico medo e preocupación polo incerto da súa orixe e vías de contaxio; que hai uns meses paralizou a nosa sociedade e, falando do ensino, fixo saltar polos aires o pasado curso escolar 2019/2020. Porén, a vida segue, ten que seguir. Iniciamos a desescalada, con todas as súas fases, e asumimos como necesario que, o mesmo que outros sectores, a educación tiña que voltar. Mais cunha condición, iso si: unha volta segura. Ninguén pedía máis.
En marzo deste ano decretouse un estado de alarma ao que seguiu un confinamento que deixou baleiras aulas, patios e comedores; que deixou abandonados á súa sorte os elos máis débiles da cadea escolar -por exemplo, o persoal acompañante do transporte, por citar só un exemplo. Pasaron 6 meses desde aquel parón. Tivo tempo, desde aquela, a Consellaría de Educación, a que ten e debe exercer as competencias en materia educativa en Galiza, a planificar esa volta segura que demandaba, que precisa, toda a comunidade educativa. Planificala desde o diálogo con todos os axentes de dita comunidade parecía non só unha idea razoábel, senón mesmo un deber de calquera administración.
Mais o 12 de xullo había eleccións ao Parlamento de Galiza, e parece que ao goberno de Núñez Feijóo non lle interesaba presentar a súa proposta de protocolo fronte á COVID-19 en datas preelectorais. Asegurada a continuidade no goberno, nada mellor que celebrala impondo unilateralmente o dito protocolo, sen contar con ninguén. Unha Consellaría tan eficaz e tan responsábel que descargou toda eficacia e toda responsabilidade nos equipos directivos dos centros, nas anpas e na comunidade educativa no seu conxunto. Tan marabilloso era o protocolo imposto que en agosto o cambian, desbaratando boa parte do traballo de adaptación xa feito en moitos centros. Tan boa era a equipa á fronte da Consellaría que o primeiro que fixo Feijóo ao formar o novo goberno foi quitar do medio a Conselleira e o novo Conselleiro, que xa estivera antes, o primeiro que fixo foi quitar do medio a equipa anterior. Todo moi confiábel e tranquilizador. Baile de nomes que non cambiou nada do substancial: nin máis profesorado, nin redución das ratios, nin máis recursos económicos e materiais, nin máis seguridade para garantir o dereito á presencialidade. Nin sequera EPIS. Nin sequera asumir custos de desinfección dos centros. Nin sequera garantir a distribución gratuíta de máscaras para o alumnado. É a política do ti vai facendo e do sálvese quen poida. É unha comunidade educativa abandonada á súa sorte porque abandonado está tamén o sistema educativo.
Saben ben todas as comunidade escolares de Oleiros do que estamos a falar. Sábeno ben as familias do CEIP A Rabadeira, que só grazas á súa rápida mobilización conseguiron evitar a unificación de todo 5º de Infantil nun único grupo, ou o profesorado e o persoal non docente deste colexio, cunha praza menos en Infantil, unha hora lectiva menos para poder atender o comedor ou unha falta de espazo que diante das actuais circunstancias é máis preocupante que nunca. Sábeno ben as familias e o profesorado do CEIP Luís Seoane de Mera, co mesmo problema en 4º de Infantil, onde a Consellaría prefería xuntar nunha aula única 22 pequenas e pequenos de 3 anos antes que crear un segundo posto de traballo nesta etapa, ou en 5º de Infantil, onde hai 25 nenas e nenos en 46 metros cadrados (aseos incluídos). Sábeno as familias do CEIP Juana de Vega de Nós, onde a construción dun patio cuberto é máis necesaria que nunca. Non hai centro escolar onde non saiban todo isto e máis.
Por todo o exposto, proponse ao Pleno do Concello de Oleiros a adopción do seguinte ACORDO
- O Concello de Oleiros apoia activamente todas as demandas da comunidade educativa por unha volta ás aulas presencial, segura e con recursos suficientes para garantir, malia a situación de emerxencia sanitaria, un ensino público da máxima calidade.
- O Concello de Oleiros insta a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade a abrir un marco de diálogo permanente, non unilateral nin teatralizado, e a dar resposta, no marco das súas competencias, ás demandas que están a formular ANPAS, organizacións sindicais e estudantís, equipos directivos, Claustros, Consellos Escolares e concellos de toda Galiza.
- O Concello de Oleiros insta o goberno galego a dotar dos suficientes recursos orzamentarios a Consellaría de Educación para esta asumir aquelas competencias que hoxe, por incomparecencia da administración autonómica, ten que seguir asumindo, con grande esforzo, a administración local.
- O Concello de Oleiros insta a Consellaría de Educación a facer efectiva a dotación real de máis persoal docente nos colexios e institutos de secundaria do municipio para atender as necesidades reais destes, reducir as ratios por aula e, sobre todo, no relacionado coa atención ao alumnado con Necesidades Educativas Especiais.
- O Concello de Oleiros insta a Consellaría de Educación a orzamentar e executar como necesidade inaprazábel, dentro das competencias que lle son propias, a construción dun patio cuberto no CEIP Juana de Vega de Nós. Así mesmo, insta tamén a estudar a necesidade de aumentar os espazos cubertos no resto de centros de ensino para asegurar o cumprimento dos protocolos e das medidas hixiénico-sanitarias neles previstas, en especial no relacionado co cumprimento da distancia interpersoal estipulada.
- Dar traslado do presente acordo aos Consellos Escolares dos CEIP e IES do Concello de Oleiros, á Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e aos grupos con representación no Parlamento de Galiza.