O BNG propón investir a recadación da ORA no comercio e na hostalaría
O BNG de Oleiros propón revisar a Ordenanza para non penalizar as persoas residentes e implantar un sistema que exima da ORA a quen faga compras ou xestións
A ORA entra en funcionamento o 1 de xuño, mais os servizos públicos que se prestan nas praias (duchas, socorrismo...) só o fan o día 15
Co inicio do período de cobramento da ORA nos núcleos de Santa Cristina, Santa Cruz e Mera e no estacionamento de Bastiagueiro, o BNG de Oleiros retoma a súa proposta, que vén xa de decembro de 2013, e que se mantén no programa do BNG para as últimas eleccións municipais: destinar os ingresos obtidos pola recadación da Zona Azul a medidas concretas de apoio ao comercio e a hostalaría locais.
Se, tal e como dixo reiteradamente o Alcalde en Funcións, a ORA non ten “afán recadatorio” senón que quere ser unha medida disuasoria pensada para garantir a rotación nos estacionamentos e que se fai pensando no beneficio da economía local, o BNG de Oleiros propón “non quedar só na boa intención” e aproveitar os cuantiosos ingresos que proporciona este imposto temporal para desenvolver campañas sociais de apoio ao comercio e hostalaría local ao longo do ano, renovar materiais e sinalizacións ou crear novos formatos, accións formativas das que se poidan beneficiar as empresas do municipio, accións de dinamización da rúa (concursos, rutas gastronómicas, música ao ar libre todo o ano) nas zonas de máis actividade comercial e hostaleira nos diferentes núcleos do concello, etc. En calquera caso, o BNG propón deseñar estas iniciativas de común acordo co empresariado local, escoitando antes posíbeis ideas para estudar cales se poden levar á práctica. O Concello prevé recadar 180.000 € coa ORA.
O BNG cre necesario revisar a actual ordenanza municipal que regula os estacionamentos na vía pública coa finalidade de non penalizar economicamente a veciñanza residente nas zonas de Santa Cristina, Santa Cruz e Mera, delimitadas como Zona Azul durante os meses de verán. Unha solución podería ser a edición de tarxetas para residentes. Tampouco se debe penalizar coa ORA aquela veciñanza que acode a facer compras ou xestións: Santa Cristina, Santa Cruz e Mera concentran boa parte da actividade hostaleira e de lecer do municipio, mais tamén a maior parte do comercio local e boa parte dos servizos básicos. O BNG propón, para estes casos, estudar solucións que se estean a aplicar con éxito noutros concellos.
Por outra banda, chama bastante a atención que o inicio do cobramento da ORA (1 de xuño) non vaia parello ao do socorrismo ou o funcionamento da auga corrente nas duchas das praias de Oleiros (15 de xuño).
No noso Concello existe, ademais disto, un Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel, que é urxente comezar a aplicar, entre outras cousas, fomentando medios de mobilidade alternativa para evitar o uso do vehículo particular que satura as nosas estradas e estacionamentos públicos.