O BNG DE OLEIROS SOLIDARÍZASE COAS DEMANDAS E ANIMA A PARTICIPAR NA CONCENTRACIÓN.
A veciñanza do Couto convoca unha concentración para o venres 18 de novembro
Pasado un ano desde o inicio das mobilizacións das veciñas e vecinos do Couto (Dorneda) para reclamar un paso de peóns na AC-173, o problema segue sen solución. A Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galiza é incapaz de ofrecer unha solución práctica ao problema de seguridade vial na estrada da que é titular. Diante dunha demanda obxectiva nun tramo con varios accidentes nos últimos meses, a Conselleira Ethel Vázquez segue a desculparse con informes técnicos pretendendo transferir a titularidade da vía ao Concello de Oleiros, fuxindo das responsabilidades do seu cargo e tentando pasarlle a terceiros a toma de decisións.
Desde o BNG de Oleiros seguimos atentos esta problemática a través do noso concelleiro Xurxo Martínez Caño e da deputada no parlamento galego Mercedes Queixas, apoiando a toda a veciñanza do Couto nunha reivindicación que é unha necesidade manifesta nunha zona cunha poboación que demanda seguridade. O BNG parabeniza estas veciñas e vecinos por perseverar durante todo un ano na reivindicación do seu dereito a teren unha mobilidade segura. Un exemplo admirábel de constancia e organización amiúdo sen máis apoio que das súas propias forzas.