O BNG traslada ao Parlamento de Galiza deficiencias no PAC de urxencias de Santa Cruz

WhatsApp Image 2022-07-07 at 12.35.36 PM

Estas deficiencias veñen sendo denunciadas polo propio persoal do PAC desde o ano 2018. A deputada nacionalista Mercedes Queixas achegouse ao centro de saúde da localidade para recoller tamén outras necesidades da rede de atención primaria en Oleiros. 

Ademais, o Bloque alertará na Cámara autonómica da falta de medios materiais con que contan as matronas para impartir as clases de iniciación ao parto.

O BNG traslada ao Parlamento de Galiza deficiencias no PAC de urxencias de Santa Cruz

O BNG de Oleiros levará unha vez máis ao Parlamento de Galiza os problemas dos centros de saúde do municipio.

A deputada nacionalista no Parlamento de Galiza Mercedes Queixas visitou onte mércores día 6 o PAC de Urxencias de Santa Cruz, o único co que conta Oleiros, após a denuncia feita pública polo goberno municipal hai algúns días de que as persoas usuarias seguían tendo que agardar a ser atendidas na rúa, con independencia do cadro médico que presentasen.

Queixas puido comprobar deficiencias que xa ten denunciado o persoal do PAC en múltiplas ocasións desde a súa inauguración en agosto de 2000, entre outras un escrito do ano 2018: unha zona de recepción pesimamente orientada de xeito que está de costas á porta de acceso, a inexistente ventilación da sala de agarda do interior, inadmisíbel na actual situación epidemiolóxica ou, por exemplo, que se manteña sine die a solución provisional pola que se improvisou, na entrada do PAC, unha sala de illamento para doentes con síntomas de Covid. Nas súas reclamacións, que o BNG trasladará ao Parlamento, o persoal pide unha serie de pequenas reformas que, porén, nunca foron atendidas.

Mercedes Queixas puido constatar como moitos dos problemas que o BNG vén denunciando desde hai anos no relativo á atención primaria ou á atención pediátrica están cronificados no tempo “como no Día da Marmota”. Problemas, por desgraza, comúns ao conxunto da rede de atención primaria no conxunto de Galiza, mais en calquera caso inadmisíbeis nun concello que xa camiña cara aos 40.000 habitantes.

O BNG lembrará no Parlamento que en Oleiros, nos centros de saúde que máis poboación atenden, os cupos están ao límite. Se o Plan de Mellora de 2007 falaba de cupos de 1250 persoas por profesional, década e media despois en Santa Cruz cada facultativa/o atende unhas 1400-1500 persoas e en Perillo máis aínda, unhas 1600-1700 (un dos facultativos da tarde 1680 persoas). Todo en centros de saúde que cada vez van quedando máis pequenos ante o crecemento da poboación. 

 

Inadmisíbel falta de medios materiais das matronas

Nas iniciativas que Mercedes Queixas vai trasladar ao Parlamento estará tamén a da paupérrima falta de medios materiais con que contan as matronas para poderen desenvolver o seu traballo ordinario, nomeadamente algo tan fundamental como as clases de preparación para o parto.

Así o trasladaron ao BNG persoas usuarias do servizo, que denuncian que no Centro de Saúde de Santa Cruz as clases de preparación para o parto non se poden desenvolver con normalidade porque primeiro faltaban cadeiras e despois un computador. Aínda que o SERGAS acabou facilitando un portátil, a deficiente cobertura de internet sen fíos fai que a única solución sexa que a matrona utilice a súa propia tarifa de datos e acabe optando por facilitar ás nais materiais para que estas logo poidan ver nas súas casas, o que dificultaría o acceso a aquelas que, mesmo por razóns económicas, non teñan dispositivos informáticos.  

O BNG traslada ao Parlamento de Galiza deficiencias no PAC de urxencias de Santa Cruz