A Xunta responde ao BNG sobre os atrasos da Vía Ártabra
A resposta da Xunta de Galiza, a preguntas do BNG no Parlamento da Galiza, sobre a Vía Ártabra, elude falar de prazos e omite calquera referencia á imprescindíbel ligazón coa A6
Provoca estupor a incompetencia da Xunta na cuestión da Vía Ártabra e incredulidade a súa teimosía esgotando os recursos xudiciais até a derradeira vía no Tribunal Supremo, coa conseguinte irresponsábel perda de tempo e carga económica para as arcas públicas, circunstancia que non fai máis que reafirmar a absoluta torpeza da Xunta nun elemento tan simple e básico como a quen corresponde aprobar un proxecto de trazado, que neste caso debería ter sido o Consello da Xunta, mais non era o único erro de vulto, xa que nin existía o proxecto – xa que foi redactado con posterioridade-, nin existía a proposta ou informe da Consellaría competente.
Este clamoroso erro, propiciatorio da nulidade absoluta de pleno dereito, obrigou a reformular integramente o proxecto con graves consecuencias de índole económica e cronolóxica, que limitarán drasticamente a viabilidade e a efectividade dunha infraestrutura estratéxica para a estruturación da comarca, a Vía Ártabra, xa de por si eivada e na cal non se contemplaba a ligazón coa A6, a liberación de peaxes e a necesaria protección ambiental, froito dunha decisión unilateral da Xunta, deixando á marxe os Concellos da Área Metropolitana. A día de hoxe non se produciu ningunha dimisión.
A valoración que para a comarca, mais nomeadamente para Oleiros, vai supoñer o enésimo atraso de lustros na construción da Vía Ártabra é absolutamente incalculábel en termos de todo tipo. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da propia Consellaría de Mobilidade e Infraestruturas, afirmou hai uns meses sen ningún tipo de rubor e vergoña que “es una cuestión que va a llevar muchos años volver a retomar porque se tiene que reestudiar todo desde cero” e permítese mesmo facer brincadeiras afirmando que “confía en que esta vez lleve menos de 15 años” e que “hay que ser garantistas al máximo”. Xeracións de veciños e veciñas da comarca vanse ver afectadas pola incompetencia máis absoluta da Xunta da Galiza enquistando durante lustros os problemas xa endémicos de mobilidade que nos afectan e perpetuando esta insostíbel situación.
A incompetencia e inoperancia fanse aínda máis patentes na lacónica e recente resposta da Consellaría de Infraestruturas e mobilidade (21/09/2023) ante a pregunta da deputada do BNG Mercedes Queixas solicitando aclaración polo miúdo sobre a Vía Ártabra en todo o que respecta a prazos, reactivación das obras, trazado coa A6 e demais. A resposta textual é a seguinte:
“A Xunta da Galiza está a rematar as obras do enlace da Vía Ártabra coa N-VI. A partir de aí, rescindirá o contrato coa UTE adxudicataria e volverá a reiniciar o procedemento para tramitar o proxecto de trazado coa AP-9. Hai que salientar que as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo, que obrigan a repetir a tramitación, cuestionan o procedemento seguido en 2009 para a aprobación do proxecto polo Goberno bipartito, pero non o trazado da estrada”
Porén, o 18/10/2023, nun xornal nacional a Xunta manifesta literalmente que: “De aquí a finais de ano resolverase administrativamente o contrato de obra e no 2024 iniciarase o proceso para a tramitación do proxecto de trazado entre a N-VI e a AP-9 e a A-6”.
A Xunta prosegue coa calamitosa xestión da Vía Ártabra e non se aclara en nada do que teña a ver con esta infraestrutura tan vital para a área máis poboada da Galiza. Dende o BNG de Oleiros esiximos á Xunta que cese nesta actitude incompetente e aclare a cidadanía dunha vez cando, como e onde vai rematar a Vía Ártabra, se haberá liberación de peaxes e protección medioambiental, alén da repercusión económica que para a mesma vai ter todo o atraso, que xa podemos cualificar de endémico e unicamente atribuíbel á Xunta, da devandita Vía.