O BNG de Oleiros demanda unha modificación do ROM para favorecer a transparencia e a participación
O portavoz municipal nacionalista acha imprescindíbel “que os rogos e preguntas sexan expostos durante a sesión de cada pleno como até o de agora acontecía. Alén disto é necesaria a creación da xunta de portavoces como en calquera concello normal, que será a que ordene os asuntos dos Plenos e onde os Grupos poidan chegar a acordos; isto agora non existe, non hai sistema algún que permita unha relación fluída entre os diferentes grupos”
No pleno ordinario de outubro, presenciamos como o Alcalde negaba aos partidos da oposición a súa intervención oral no pleno a través dos rogos e preguntas sen motivación algunha. Rogos e preguntas que, por outra banda, o BNG de Oleiros xa presenta de vello por escrito e con antelación de varios días, mesmo de semanas para posibilitar un estudo acaído e polo miúdo das propostas nacionalistas por parte do Goberno local e na única procura do ben da cidadanía, “non ansiamos medallas, nin queremos sorprender ou “pillar” a ninguén, só queremos achegarmos propostas construtivas e sempre en positivo”. Mesmo sistema manexamos coas mocións e resto de propostas ou asuntos que levamos ao pleno, sempre na busca da maior transparencia e para un coñecemento óptimo do resto de grupos do Pleno. Iniciativa exclusiva do BNG é que se a facemos pública só é como consecuencia da inexplicábel decisión de anular os rogos e preguntas, xa que o Alcalde de Oleiros, vulnerando o ROM e as normas de bases do réxime local, negou esta posibilidade aos representantes populares e lexítimos do Pobo de Oleiros.
De ningunha maneira sería aceitábel ningunha medida que impedira ou limitara a exposición directa de rogos e preguntas no propio pleno, é dicir, os rogos-preguntas tanto sexan como non rexistrados previamente, deberán ser presentados no acto oral do pleno ficando ao alcance da cidadanía, como sucedía até agora e acontece en todos os Concellos. Alén desta obviedade de mínimos e seguindo con esa visión en positivo e sempre construtiva no beneficio continuo da cidadanía e facendo da necesidade virtude, apoiamos unha reforma do ROM, co obxectivo de eliminarmos as restricións existentes á participación plena dos grupos municipais na vida institucional.
Por un lado, é necesaria a creación da xunta de portavoces como en calquera concello normal, que será a que ordene os asuntos dos Plenos e onde os Grupos poidan chegar a acordos (declaracións institucionais ou emendas ás mocións, por exemplo), isto agora non existe, non hai sistema algún que permita unha relación fluída entre os diferentes grupos. Debe existir algún mecanismo que permita que a devandita Xunta de portavoces se reúna se os Grupos a piden, que non dependa da exclusiva vontade da Alcaldía. Isto xa sucede cos plenos extraordinarios, onde os grupos poden pedilos sen “permiso”. Esta xunta de portavoces debería tramitar as mocións sen obrigar a que, como agora sucede, sexan tramitadas todas como urxentes no seo do pleno, circunstancia que impide que o seu mesmo debate se produza se o pleno non vota a favor da urxencia das mesmas. As mocións deben afectar a competencias municipais, evitando falar do sexo dos anxos como está a acontecer na actualidade .
Isto non debería ser senón a punta do iceberg da máis que necesaria e xustificada apertura do Concello á cidadanía, nomeadamente no Pleno, máximo órgano de representación popular e casa común do Pobo oleirense.