NO BNG ACREDITAMOS QUE OS HERBICIDAS DEBEN SER ELIMINADOS DO MANTEMENTO HABITUAL E FICAREN SÓ RESERVADOS PARA A LOITA CONTRA AS PLANTAS INVASORAS

O BNG de Oleiros pediu ao Concello a ampliación das medidas de redución dos produtos fitosanitarios

Vía Ártabra 2
No Pleno de setembro o noso portavoz municipal demandou información sobre o uso de fitosanitarios na limpeza, a adaptación do servizo de limpeza e recollida do lixo, o servizo de consumo e sobre o futuro da Vía Ártabra.
O BNG de Oleiros pediu ao Concello a ampliación das medidas de redución dos produtos fitosanitarios

O Concello de Oleiros vén de sacar a concurso unha asistencia técnica para elaborar os pregos que rexerán a contratación do servizo de mantemento de parques e xardíns. Nesta asistencia técnica deberanse introducir medidas tendentes á redución do uso de produtos fitosanitarios. O Concello privatiza ou externaliza este traballo, manifestando a imposibilidade de facelo con medios públicos pola alta carga de traballo dos servizos municipais.

Achamos que nos vindeiros pregos, alén de proceder á «redución» de produtos fitosanitarios, deberíanse introducir, como medida alternativa, outros métodos sustentábeis, como pode ser a loita biolóxica, alén de eliminar os herbicidas do mantemento habitual e que fiquen para o control e a loita contra as plantas invasoras, como os chamados «plumachos». Estas medidas non deben ser só aplicábeis ao contrato de mantemento de parques e xardíns, senón tamén facela extensiva á limpeza viaria, ampliando esta eliminación de glifosatos e demais produtos químicos á limpeza viaria.

Ademais, o noso portavoz municipal fixo varias preguntas no Pleno sobre temas que afectan á cidadanía:

Adaptación do servizo de limpeza e recollida do lixo

A construción de novos edificios en Oleiros non vai acompañada, aparentemente, da ampliación e adaptación do servizo municipal de limpeza e recollida de lixo. Descoñecemos como se xestionan estas mudanzas, mais nun Concello que medra tanto en poboación como en número de vivendas, debería existir un seguimento periódico protocolizado do funcionamento do servizo de recollida do lixo. Malia termos o servizo xestionado polo Consorcio das Mariñas, a competencia, e polo tanto a responsabilidade, seguen a ser do Concello. Demandamos ao Goberno local que solicite ao Consorcio das Mariñas a necesaria adaptación dos servizos de limpeza viaria e de recollida do lixo ás novas necesidades de incremento da poboación e do parque de vivenda en Oleiros.

Servizo municipal de Consumo

Na web de Consumo da Xunta da Galiza figura un número de telefono do Concello de Oleiros para atender cuestións da cidadanía relacionada con esta área de Consumo, que en Oleiros ten unha Concelleira dedicada en exclusiva. Este servizo non existe na actualidade, xerando unha situación de desatención nun ámbito fundamental nun Concello coas características de Oleiros, polo que preguntamos polas razóns que levan o Concello a fechar un servizo desta relevancia para a cidadanía.
A Vía Ártabra

Os erros da Conselleira Ethel Vázquez vencellados coa Vía Ártabra, sen que mediara ningunha dimisión ou destitución, provocan que xa se fale dun atraso de anos nesta vía na súa unión coa AP-9 e eliminando calquera posibilidade de unión coa A-6. A ambigüidade e o desleixo son absolutos por parte da Xunta cara a esta esencial infraestrutura, caendo directamente na aldraxe; dende o BNG daremos os pasos necesarios onde corresponda.

Protección do Monumento Natural da Costa de Dexo

O pasado 19 de maio, dous veciños denunciaron a presenza de drons e automóbeis privados no Monumento Natural da Costa de Dexo, na zona do Seixo Branco, acreditada en documentos gráficos. Constan denuncias de veciñas relativas á presenza no día 31 de xullo dunha manda invasiva de rodaxe dun presunto filme ou anuncio publicitario, que ocupaba a Costa de Dexo con varias furgonetas, carpas, equipas pesadas, sets e mesmo un dron. No Pleno informouse de que que o Concello emitira unha autorización para esta actividade.
O BNG de Oleiros pediu ao Concello a ampliación das medidas de redución dos produtos fitosanitarios