O BNG demanda un diálogo construtivo para mellorar as liñas de transporte metropolitano que afectan a Oleiros

e46eedae-1fd9-49c0-bcdc-55862667d0dd_16-9-discover-aspect-ratio_default_0
e46eedae-1fd9-49c0-bcdc-55862667d0dd_16-9-discover-aspect-ratio_default_0

O Bloque de Oleiros incidirá en que a prolongación até Dexo da liña B-9 que remata en Mera se faga garantindo o reforzamento da mesma da liña

O BNG demanda un diálogo construtivo para mellorar as liñas de transporte metropolitano que afectan a Oleiros

Oleiros é un concello cunha lóxica netamente urbana e metropolitana no que ten a ver coa súa mobilidade. As súas características territoriais, sociais ou económicas fan que gran parte da nosa poboación, que segue en aumento, se desprace diariamente entre o seu lugar de residencia e centros de traballo, de estudos, de compras ou lecer, na maior parte dos casos en traxectos que son relativamente pequenos, de menos de 15 km. Que o groso destes desprazamentos cotiáns se produzan no vehículo particular, como acontece, non é sustentábel no medio prazo e urxe articular medidas dirixidas a substituír progresivamente estes usos, aos que gran parte da poboación leva anos habituada, por outros máis responsábeis co noso futuro e benestar colectivos. Coincidente con esta liña de pensamento é que se enmarca, ou así o entendemos, o Plan de mobilidade urbana sustentábel de Oleiros (PMUS).

Para lograr unha mudanza de hábitos nos nosos desprazamentos diarios cómpre antes articular unha rede de transporte público colectivo competitiva, cómoda, eficaz e operativa propia dun contexto metropolitano europeo, de maneira que o público usuario potencial perciba que utilizalo é, ademais de máis responsábel ambientalmente, máis barato e cómodo e igual ou máis eficaz e operativo que facelo en vehículo particular.

Entendemos que a situación actual é mellorábel xa que existen liñas de autobús que van saturadas, tendo que ir de pé en horas punta polo non reforzamento das empresas concesionarias a reforzar o servizo con máis vehículos, con atrasos continuos, con traxectos que por veces superan a hora de duración, etc. Malia a mellora experimentada nos últimos tempos no referido ao horario nocturno de luns a venres, os horarios dos últimos traxectos seguen dificultando o transporte de regreso de alumnado de estudos nocturnos, conservatorio, bacharelato, Universidade…, así como de traballadoras e traballadores de quenda de noite. Os fins de semana os horarios do último servizo de volta desde A Coruña seguen a ser miúdos.

O transporte público metropolitano debe contar con horarios adecuados ás necesidades da poboación, frecuencias e servizos suficientes, vehículos cómodos e accesíbeis, adaptados a todas as diversidades funcionais e cuns soportes informativos que faciliten a vida ao público usuario. Porén, observamos durante os meses de verán que durante a celebración de determinadas festas (Mera, Lorbé. Santa Cruz...) a Xunta adaptou o horario e as liñas dos autocarros ás necesidades, hábitos e actividades da cidadanía.

Ademais o Goberno de Oleiros vén de reclamar á Consellaría de Infraestruturas e á empresa concesionaria do transporte público Alsa Cal Pita que reforce a conexión coas parroquias do norte do municipio, con Dexo nomeadamente, mediante a prolongación dunha das liñas, a B-9 que actualmente vai desde A Coruña até Mera. Así e en lugar de rematar o servizo en Mera e voltar á Coruña, a liña podería continuar até Dexo, circunstancia que só suporía prolongala 1,5 quilómetros  a maiores e con senllas paraxes na Casa do Pobo de Dexo e diante do  campo de fútbol da Marola. Estamos afeitas ver a estes buses estacionados en Mera e facendo tempo para dar o servizo de volta cara A Coruña, pola que este troco sería factíbel. Pois ben, a propia Consellaría amosouse aberta a estudar esta proposta do Concello. Porén lembramos que esta mellora demandaría o reforzamento do servizo, para que o resto de persoas usuarias non virán resentida  a calidade do mesmo

Detéctase pois na Xunta da Galiza unha predisposición á mellora do transporte metropolitano en Oleiros da que queremos tirar proveito. Dende o BNG de Oleiros xa presentamos dúas mocións en febreiro e no pasado mes de setembro instando á mellora do transporte metropolitano en Oleiros e na comarca, ambas as dúas foron aprobadas polo pleno.

Continuando nesta liña e para mellorarmos o transporte metropolitano en Oleiros, froito desta dinámica positiva de colaboración, que semella se pode establecer, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego proporá ao Pleno Municipal a adopción do seguinte acordo:

       A mellora da liña B-9 de transporte metropolitano, que na actualidade vai dende A Coruña até Mera, cunha prolongación adicional até Dexo, circunstancia que só suporía ampliala 1,5 quilómetros  a maiores e con senllas paraxes na Casa do Pobo de Dexo e diante do  campo de fútbol da Marola, cun necesario reforzamento da liña para que ningunha das persoas usuarias do servizo se viran resentidas.

       Que exista unha conexión permanente e constante entre Concello e Xunta, que fomente unha vía de diálogo construtiva na procura da mellora das liñas de transporte metropolitano que afecten ao Concello de Oleiros e a superación tanto das eivas actuais como das que puideran agromar no futuro.

O BNG demanda un diálogo construtivo para mellorar as liñas de transporte metropolitano que afectan a Oleiros