Xurxo Martínez Caño releva a Fran Rei como portavoz municipal do BNG de Oleiros

Xurxo Martínez Caño releva a Fran Rei como portavoz municipal do BNG de Oleiros

A primeira hora da mañá de hoxe Fran Rei vén de presentar a través do Rexistro Municipal a súa renuncia como portavoz do BNG de Oleiros co obxecto de que o Pleno tome coñecemento da mesma na súa vindeira sesión ordinaria.

Militante nacionalista desde os 15 anos e activista en diferentes campos e movementos sociais, Fran Rei, veciño do Porto de Santa Cruz, foi candidato á alcaldía oleirense nas municipais de 2015 e 2019, encabezando unha candidatura que se foi renovando progresivamente desde entón, a cal mereceu en maio do pasado ano a confianza de 1040 veciñas e veciños, o que supuxo unha leve suba a respecto do resultado obtido 4 anos antes.

Fran Rei será substituído na portavocía municipal nacionalista polo número dous da candidatura de 2019, Xurxo Martínez Caño. Veciño de Lorbé de 34 anos de idade, Xurxo Martínez foi presidente da Asociación Recreativa e Cultural Amigos de Lorbé, traballador no seu día na nave municipal de Servizos e actualmente é mecánico naval.

O até de agora portavoz municipal seguirá a colaborar como militante de base nas tarefas da organización e despídese da responsabilidade que ostentou nestes últimos anos agradecendo “no político e no persoal a todo o pobo de Oleiros o seu cariño unánime e incondicional”.

Xurxo Martínez Caño releva a Fran Rei como portavoz municipal do BNG de Oleiros