Gastar o noso corpo nos camiños para explicar por que queremos un Oleiros novo
O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros fuxirá no posíbel dos tradicionais esquemas de campaña e centra a súa campaña no trato directo coa xente, parroquia a parroquia, convidando ao café e recollendo propostas
O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros enceta desde as 0 horas deste pasado venres 9 de maio os 15 días "oficiais" da campaña electoral cunha grande ilusión colectiva e coa boa disposición de militantes, simpatizantes e amig@s do proxecto nacionalista a colaborar cunha campaña que non terá ao seu servizo nin grandes medios económicos, nin grandes recursos mediáticos nin as facilidades de ser parte dun goberno que se outorga a si mesmo medios e persoal que deberían estar ao servizo de todo o pobo de Oleiros e non da forza política que goberna.
Quixemos que as horas previas ao inicio da campaña viñesen marcadas polo diálogo coa xente do mar: recordando que Oleiros é un concello en boa parte mariñeiro, con núcleos de poboación que naceron do mar, que necesitan recuperar os camiños da historia e da memoria mariñeiras en boa parte perdidos, e onde hai familias enteiras que seguen tendo no mar a súa principal fonte de ingresos. Pór o mar, as súas xentes e necesidades, a súa problemática concreta e as súas reivindicacións, no centro da axenda política -tamén a nivel local -é un compromiso central do BNG-Asembleas Abertas. Aí estivo acompañándonos o noso deputado e portavoz de Pesca no Parlamento de Galiza Dani Rodas comprobando o estado calamitoso do peirao de Santa Cruz, reuníndose coa Confraría e cunha representación das redeiras do Porto de Lorbé e participando dun acto aberto no Mesón Maruxa de Mera.
Quixemos tamén que o acto simbólico de inicio de campaña fose diferente e imaxinativo, e ademais cun convidado excepcional: nada menos que Ernesto Che Guevara. Na Rotonda de Nirvana, ao pé do seu monumento, despregando unha enorme bandeira da patria galega, quixemos nacionalizar simbolicamente a súa figura e, asemade, liberala da unilateral apropiación que ás veces se ten feito de determinada simboloxía co propósito único de tapar incapacidades, falta de proxectos novos ou mesmo contradicións entre o discurso e a práctica de goberno.
O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros percorrerá nos próximos días as nove parroquias de Oleiros, procurando fuxir de esquemas de campaña xa superados, botando man do noso mellor activo: a forza da nosa base social, da nosa xente, e a nosa imaxinación. Será unha campaña de contacto directo coa xente, de trato próximo, de buscar sempre a complicidade e o diálogo sincero, baseada na escoita e na aprendizaxe activa, así como tamén na recollida de propostas. O tradicional formato de mitin será substituído por "cafés" aos que convidará o Bloque, tanto na rúa como en locais municipais.