A COMUNIDADE EDUCATIVA DOS CEIP VALLE INCLÁN, JUANA DE VEGA E LUÍS SEOANE PON DE MANIFESTO A FALTA DE APOIO PARA ESTE CURSO
O BNG apoia as mobilizacións dos centros de ensino de Oleiros en demanda de profesorado
Desde o inicio deste curso, estamos a observar un patrón que se repite por todo o país en relación co profesorado de apoio: a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a reducir na práctica este tipo de profesionais (nomeadamente, profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica, Audición en Linguaxe e coidadores e coidadoras) por todo o país.
Concretamente, en Oleiros temos coñecemento de problemas relacionados con esta redución de profesionais que atenden a diversidade nos CEIP Valle Inclán, Juana de Vega e Luís Seoane, en maior ou menor medida. Estes profesionais permiten que o alumnado con necesidades específicas estea atendido adecuadamente, sen a necesidade de sacalo das súas aulas, co que se evita a estigmatización, e mesmo se contribúe a que certas dificultades non aumenten grazas a esta integración.
A atención o máis individualizada posíbel ao alumnado con necesidades específicas é un dos sinais de identidade dunha educación pública de calidade, polo que non podemos evitar pensar que a súa redución sistemática só pode responder a un plan de redución da calidade do ensino público.
As comunidades educativas están a contestar estes plans da Xunta de Galiza, como evidencian as mobilizacións organizadas pola ANPA do CEIP Valle Inclán de Perillo desde o inicio do curso, con concentracións todos os luns diante do centro e dúas andainas reivindicativas que contaron cunha importante asistencia de persoas vinculadas á escola, mais tamén de veciños e veciñas e, como non podía ser doutro xeito, de varios membros do BNG, como a deputada oleirense Iria Taibo.
Ademais, dous membros da ANPA acudiron ao Parlamento da man do BNG para asistir ao debate dunha pregunta da deputada nacionalista Cristina Fernández ao Conselleiro, e o BNG rexistrou varias iniciativas en relación coas súas demandas, que teñen que ver precisamente coa falta de dous docentes de apoio.
O portavoz municipal do BNG, Iván Roca, tamén levou o apoio a estes centros ao Pleno municipal do mes de outubro, e a nosa formación continuará a facer seguimento destas demandas da comunidade educativa, tanto para apoialas desde as institucións nas que estamos presentes como para acompañar as mobilizacións que convoquen.
Por unha educación pública e inclusiva!