O BNG volve reclamar unha solución para os desprendementos no Xunqueiro (Mera)
O BNG, que se reuniu con veciñanza da zona, levará o asunto ao Parlamento Galego e ao Concello de Oleiros
Na praia do Xunqueiro, todos os anos prodúcense derrubamentos procedentes dos cantís. Estes derrubamentos supoñen un importante perigo, xa que os cantís están ao pé da rúa da Gaivota, que pola súa vez ten varias vivendas unifamiliares á altura da praia.
Esta mañá, o BNG visitou a zona en compañía da veciñanza. Na visita participaron, ademais dun grupo de militantes da asemblea local de Oleiros, o portavoz municipal da formación nacionalista, Iván Roca, e a deputada no Parlamento Galego, a tamén oleirense Iria Taibo.
O BNG xa denunciou esta situación ante o MITECO, de man do deputado no Congreso Néstor Rego, e ante o Concello de Oleiros, da man do noso anterior portavoz municipal, Xurxo Martínez Caño. Na actualidade, a asunción da Xunta de Galiza de parte das competencias do litoral, xustifican que os nacionalistas pregunten con urxencia por esta situación, ante a preocupación da veciñanza, no Parlamento Galego.
A deputada nacionalista Iria Taibo rexistrará unha batería de iniciativas para solicitar ao goberno galego información sobre a situación actual e sobre os trámites que ten previsto para resolver con dilixencia a inestabilidade na zona, xa que na época na que se producen máis choivas é cando é máis previsíbel que se desprendan materiais dos cantís.
A inestabilidade do Xunqueiro resulta perigosa tanto para as estruturas das vivendas que fican ao pé da praia como para posíbeis accidentes, polo que o BNG demandará un estudo urxente das posíbeis medidas.