O BNG mostra a súa preocupación pola situación do CEIDA

Castelo de Santa Cruz
Castelo de Santa Cruz

O BNG de Oleiros pide transparencia ante os problemas de xestión que se están a desvelar nas últimas semanas, e mostra a súa preocupación polo futuro desta institución fundamental

O BNG mostra a súa preocupación pola situación do CEIDA

Nas últimas semanas, os medios de comunicación recolleron varias noticias preocupantes sobre a situación do CEIDA. O CEIDA, que ten a súa sede no castelo de Santa Cruz, é o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental e é un centro de referencia en Galiza, froito dun convenio de colaboración entre a Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galiza, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros.

As noticias destas semanas dan conta dunha situación económica grave, que está a provocar que os seus 10 traballadores e traballadoras leven varios meses sen cobrar o seu salario. No mes de decembro, a Consellaría de Medio Ambiente anunciou unha auditoría sobre a situación económica do CEIDA tras denunciar o Concello de Oleiros a falta de pagamento das nóminas. Toda esta situación coincide coa xubilación do actual director do CEIDA, e co seu relevo.

O BNG de Oleiros mostra a súa preocupación tanto pola grave situación na que se atopan actualmente os traballadores e traballadoras, pola falta de solucións desde que se coñeceu este problema e polo propio futuro da institución, que debe estar garantido. O CEIDA leva a cabo un traballo fundamental no ámbito da educación ambiental, cun enorme alcance, polo que é imprescindíbel que as tres institucións implicadas procuren unha solución urxente que garanta o seu futuro, coa garantía dos dereitos dos traballadores e traballadoras.

A formación nacionalista interesarase pola situación e polo futuro do CEIDA tanto no Pleno do Concello de Oleiros como no Parlamento Galego, onde xa rexistrou unha pregunta.

O BNG mostra a súa preocupación pola situación do CEIDA