O BNG ACUDIRÁ Á CONCENTRACIÓN CONVOCADA PARA O 9 DE OUTUBRO EN APOIO DA REIVINDICACIÓN DAS ANPAS DESTES CENTROS
O BNG leva ao Parlamento a falta de profesorado de apoio nos CEIP da Rabadeira e Juana de Vega e apoia a mobilización do 9 de outubro
O CEIP Plurilingüe da Rabadeira (Oleiros) e o CEIP Juana de Vega (Nós) viron unha redución do profesorado de apoio, a pesar de que as necesidades do alumnado non só non se reduciron, senón todo o contrario.
En concreto, o CEIP Juana de Vega aumentou o número de alumnado (de 404 alumnos e alumnas no curso 2023-2024 a 417 para o curso 2024-2025). Porén, o profesorado de apoio pasou de 5 a 3, ademais de que está pendente a contratación dun profesor ou profesora para primaria, co problema de xestión e organización que supón para o centro a non incorporación deste profesional.
No CEIP A Rabadeira, para o curso actual dispón dunha praza menos de profesorado de Audición e Linguaxe, aínda que o alumnado con necesidades especiais aumentou. Esta situación provocou o rexeitamento unánime do Consello Escolar do centro.
Mañá mércores 9 de outubro, o BNG participará na concentración convocada para apoiar estas reivindicacións das ANPAS dos dous centros, diante da Casa do Concello de Oleiros. Asistirán tanto a deputada no Parlamento Galego, a oleirense Iria Taibo, que rexistrou varias iniciativas para interesarse por esta cuestión e para demandar a corrección urxente destes recortes, como o portavoz municipal do BNG en Oleiros, Iván Roca, e outros membros da asemblea local da formación nacionalista.