O BNG demanda que Oleiros implante unha taxa turística
Aínda tendo en conta que o turismo é ben acollido en Oleiros, o BNG defende que o Concello precisa unha fonte de ingresos para afrontar o custo do aumento da poboación no verán á hora de prestar servizos básicos como o abastecemento de auga, o tratamento de augas residuais, a recollida do lixo ou a limpeza viaria, prazas de estacionamento, gastos de socorrismo, posta a punto dos areais, problemas de mobilidade...
Por outra banda, esta necesidade de financiamento é froito do desleixo da Xunta que debería asumir estes custos, mais en lugar de facer isto, o goberno galego obriga os concellos a asumiren cada vez máis competencias que non lles corresponden. Daquela, entendemos que a implantación dunha taxa turística na actualidade non é unha opción, senón unha necesidade para atendermos o enorme incremento de gastos que está a provocar o turismo.
Por isto, o BNG de Oleiros solicitará no próximo Pleno que o Concello que proceda á tramitación dunha taxa turística, como xa iniciou Compostela, pioneira neste asunto e ben coñecedora e sufridora desta situación. Ademais, pediremos ao Concello que elabore un plan integral de turismo para que sexa sustentábel, ecolóxico, racional e respectuoso coa vida cotiá da cidadanía oleirense.