O BNG pregunta no Parlamento pola situación da residencia asistida de maiores de Oleiros
demais da escaseza de persoal e dos graves problemas estruturais, o BNG preguntará pola atención aos residentes
A residencia asistida de maiores de Oleiros está a sufrir unha grave deterioración nos últimos tempos. A incorporación, de xeito similar ao que acontece noutros centros públicos análogos de todo o país, de persoas dependentes con perfís diferentes dos maiores, como persoas con problemas de saúde mental, non se está a facer do xeito máis adecuado.
Por outra banda, a atención aos residentes, tanto no que se refire á atención sanitaria especial que poden precisar en determinados momentos, como en relación coa alimentación, está a ver un grave empeoramento nos últimos tempos. Ademais, as deficiencias estruturais das instalacións engaden complicacións adicionais ao traballo do persoal, tal e como se puido ver hai uns días, pois houbo unha caída de baldosas que provocou un accidente laboral.
A residencia asistida de maiores de Oleiros é o segundo centro de Galiza por número de prazas (284). A deterioración do servizo nas 32 residencias públicas é clara: escaseza de persoal, infraestruturas deterioradas e falta de protocolos. Ademais disto, a Xunta de Galiza só xestiona directamente 19 das 294 residencias que existen en toda Galiza (un 6,46 % do total).
A deputada oleirense do BNG, Iria Taibo, rexistrou no Parlamento Galego varias iniciativas e preguntas en relación con esta residencia, que se suman ás que xa rexistrara no mes de xuño. Os e as residentes deste tipo de centros precisan unha atención coidada e axeitada ás súas necesidades, polo que o BNG considera que é preciso facer un seguimento para verificar se a situación actual da atención na residencia asistida de maiores de Oleiros é correcta, se se están a recibir queixas de persoas usuarias, traballadoras e familias e como se están a encamiñar as mesmas, ademais de coñecer se a Consellaría de Política Social está a facer o imprescindíbel papel de seguimento e control.
Estas iniciativas inciden na grave situación que se está a producir noutros centros públicos para residentes dependentes, polo que o BNG continuará a defender este servizo público fundamental para a cidadanía. O portavoz municipal, Iván Roca, tamén levou este asunto ao Pleno de Oleiros, do mesmo xeito que leva a facer o BNG nos últimos anos en relación con esta residencia.