O BNG leva os centros de saúde de Oleiros ao Parlamento Galego

WhatsApp Image 2024-01-18 at 11.13.17
Centro de Saúde de Santa Cruz

A deputada nacionalista Iria Taibo rexistrou varias iniciativas en relación coas deficiencias estruturais e de persoal nos centros de saúde de Oleiros

O BNG leva os centros de saúde de Oleiros ao Parlamento Galego

A deputada nacionalista Iria Taibo preguntará no Parlamento Galego pola cobertura das baixas da matrona do Centro de Saúde de Santa Cruz, que afecta, ademais da asistencia xeral, os calendarios de atención sanitaria das mulleres embarazadas e mesmo os cursos de preparación para o parto.

Ademais, interesarase pola cobertura do servizo de pediatría xa que, desde o verán, o centro de saúde de Santa Cruz só conta cunha pediatra en horario de mañá, e a outra praza só se cobre con prolongacións de media xornada algunhas tardes. En setembro, a xerencia pechou as cotas de pediatría do Centro de Saúde de Santa Cruz, e só se permite que as crianzas de Mera se inscriban a ese centro de saúde, enviando o resto ao de Perillo. Por todo isto, sería preciso abrir unha nova praza de pediatría no Centro de Saúde de Mera ou no da Covada, para que as dúas prazas de pediatría do Centro de Saúde de Santa Cruz poidan atender a poboación desta localidade, permitindo que todos os membros da familia poidan ser atendidos no mesmo centro de saúde.

Por outra banda, o servizo de odontoloxía (só existe unha profesional no Centro de Saúde da Covada) non é suficiente para atender toda a poboación actual do Concello de Oleiros, polo que sería preciso abrir este Centro de saúde polas tardes ou trasladar a Unidade de Saúde Bucodental a outro centro que abra polas tardes, ou habilitar outra Unidade no mesmo ou noutro centro, co persoal necesario.

A deputada oleirense do BNG, Iria Taibo, preguntará ao goberno galego polas súas previsións para adaptar os servizos sanitarios ao aumento da poboación e á realidade da veciñanza de Oleiros. Estas demandas súmanse á solicitude de habilitación do centro de saúde da Casa do Mar de Mera para acoller unha ampliación do servizo médico que paliaría a saturación deste centro, que xa fixo o BNG hai uns meses.

O BNG leva os centros de saúde de Oleiros ao Parlamento Galego