O BNG pregunta pola perigosidade dos accesos á residencia de maiores de Oleiros
O Bloque Nacionalista Galego interesarase no Pleno do Concello e no Parlamento Galego polos accesos á residencia e polas accións que ten previsto implantar o goberno galego para corrixilos
O actual acceso á residencia asistida de maiores de Oleiros faise por unha única vía que resulta perigosa, tanto polo seu ancho como polo trazado, cunha curva de case 90 graos e outros atrancos. A isto súmase que os accesos e as saídas se fan pola mesma vía, a pesar de que non collen dous vehículos ao tempo en paralelo.
Todo isto provoca que, ante unha posíbel emerxencia, a situación da evacuación dos e das residentes, ou o acceso e saída dos vehículos de emerxencias, resultarían verdadeiramente complicados. É preciso ter en conta que na RAMO residen 280 persoas, moitos e moitas delas en situación de alto nivel de dependencia, e a cantidade de persoal coa que conta a residencia, especialmente en horario nocturno, complicaría enormemente unha posíbel evacuación.
A residencia asistida de maiores de Oleiros é o segundo centro de Galiza público de xestión directa da Xunta de Galiza por número de prazas (284), polo que o BNG considera que a Consellaría de Política Social e Igualdade debe responsabilizarse dun asunto tan serio como a seguridade dos accesos.
A deputada oleirense do BNG, Iria Taibo, rexistrou no Parlamento Galego varias iniciativas e preguntas en relación cos accesos á residencia da Xunta en Oleiros. Entre as propostas presentadas, suxírese a posta en marcha dun simulacro que permita coñecer a situación real ante unha posíbel emerxencia, ademais de corrixir as eivas que se detecten. O portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego, Iván Roca, tamén levará este asunto ao próximo Pleno de Oleiros.