O BNG ANIMA A TODA A VECIÑANZA A ACUDIR ESTE SÁBADO ÁS 12 AO PLENO CONVOCADO NO AUDITORIO DA FÁBRICA, EN SANTA CRISTINA
O BNG non presentará candidatura propia e absterase na elección de Ángel García Seoane como alcalde de Oleiros por novena vez
O BNG anima a toda a veciñanza a acudir este sábado ás 12 ao pleno convocado no auditorio da Fábrica, en Santa Cristina
O pasado 4 de xuño celebramos unha asemblea aberta para avaliar o traballo desenvolvido nos diferentes procesos electorais que se levan sucedendo desde o pasado mes de abril, con especial atención á campaña desenvolvida para as eleccións municipais.
A asemblea serviu para analizar politicamente o escenario local resultante das eleccións e a posición que o concelleiro electo polo BNG e portavoz municipal, Fran Rei, explicitará no pleno extraordinario de constitución da nova corporación que se celebrará este sábado 15 no Auditorio da Fábrica, en Santa Cristina.
Así, a asemblea determinou por unanimidade non presentar candidatura propia á alcaldía e absterse de apoiar calquera candidatura das que eventualmente se presentaren. Tomouse esta resolución toda vez que o resultado das urnas do pasado 26 de maio evidencia, de novo, un apoio electoral maioritario á actual forza política no goberno, Alternativa dos Veciños.
Entendemos que a mesma vontade popular expresada nas urnas o pasado 26 de maio sinala o camiño a seguir pola nosa organización: obtemos un número suficiente de apoios, mesmo maior que o de hai catro anos, que nos permite continuar, un mandato máis, na corporación municipal; mais é un número de apoios que tamén nos indica con moita claridade que o noso papel debe ser o de continuar na oposición.
De cara ao novo mandato que comeza, manteremos na corporación unha posición de tranquilidade pero de rigor, de independencia e de responsabilidade, cunha vontade sempre propositiva, de achegar propostas novas e de sumar ideas para mellorar aqueles proxectos que poida presentar o goberno municipal ou os outros grupos, sempre co obxectivo irrenunciábel de beneficiar as maiorías sociais.
Tratando de superar a lóxica, tantas veces perniciosa e reducionista, das maiorías absolutas, no BNG traballaremos sen descanso por facer do diálogo un dos valores principais da política local en Oleiros, singularmente entre as forzas políticas que nos situamos ideoloxicamente na esquerda, conscientes de compartir un modelo de concello e de sociedade onde pesan moito máis as ideas que nos unen que os matices que nos separan.