SUCÉDENSE AS AGRESIÓNS Á BIODIVERSIDADE E AO PATRIMONIO NO MONUMENTO NATURAL DA COSTA DE DEXO-SERANTES, ESPAZO PROTEXIDO QUE FAI PARTE DA REDE NATURA 2000.

Novas agresións ao medio no Monumento Natural da Costa de Dexo

denuncia rodelas motos monumento natural

Sucédense as agresións á biodiversidade e ao patrimonio no Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes, espazo protexido que fai parte da Rede Natura 2000.

Novas agresións ao medio no Monumento Natural da Costa de Dexo

Se este pasado inverno o problema foron as talas forestais agresivas, practicadas presuntamente sen contar cos oportunos permisos municipais, segundo o propio Concello de Oleiros ten denunciado, e as desfeitas ocasionadas en montes e camiños públicos, nesta ocasión a agresión que se denuncia é a continua incursión de motos de carreiras dentro do Monumento Natural.

A fotografía que acompaña esta nova, de días pasados, reviste especial gravidade desde o punto de vista da conservación de biodiversidade posto que o paso das motocicletas afecta a unha poza, a de Porrido, unha zona próxima ao porto de Dexo onde crían distintas especies de anfibios en perigo.

O continuo tránsito de bicicletas e as incursións, cada vez máis frecuentes, de motocicletas e mesmo quads están a ser hoxe unha das actividades humanas que máis perigoso impacto causan no Monumento Natural, considerado dentro da Rede Natura 2000 como ZEC (Zona de Especial Conservación), segundo teñen denunciado xa en diferentes ocasións especialistas e activistas ecoloxistas e conservacionistas ben que coñecen ben este territorio do norte de Oleiros.

Este impacto humano, as máis das veces totalmente involuntario, mesmo ten posto en perigo elementos patrimoniais situados dentro do Monumento como é o castro de Punta Roza, segundo ten chegado a recoñecer a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza a raíz dunha denuncia presentada en 2016.

O BNG de Oleiros volve, unha vez máis, solicitar a activa implicación das administracións responsábeis da conservación, custodia e xestión do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes e a urxentísima elaboración dun plan de xestión para este espazo, tarefa aínda pendente de abordar desde que foi catalogado como zona protexida.

Ao noso entender, este plan de xestión debe mellorar cuestións como a correcta sinalización e unha maior vixilancia da zona, mais sobre todo estabelecer sistemas de custodia do territorio similares aos implementados noutros espazos naturais galegos.

Novas agresións ao medio no Monumento Natural da Costa de Dexo