A II ASEMBLEA NACIONALISTA DAS IRMANDADES DA FALA ACORDOU EN 1919 INSTITUÍR O 25 DE XULLO COMO FESTA NACIONAL DE GALIZA. O BLOQUE LEMBRA QUE FOI TAMÉN A DATA ESCOLLIDA POLA PRIMEIRA CORPORACIÓN DEMOCRÁTICA PARA LANZAR ÁS ONDAS EN 1980 RADIO AS MARIÑAS, PRECURSORA DA ACTUAL RADIO OLEIROS.
O BNG de Oleiros propón ao goberno local a publicación dun bando conmemorativo polo centenario do Día da Patria Galega
Por medio dun escrito dirixido ao alcalde Ángel García Seoane, o BNG de Oleiros vén de dirixir ao goberno municipal a proposta de publicar un bando institucional conmemorativo polo 25 de xullo, Día da Patria Galega, ou Día Nacional de Galiza, como oficialmente o denomina o DOG.
O BNG sinala na súa proposta que este ano o 25 de xullo ten unha especial significación: cúmprense 100 anos do acordo tomado na II Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala de converter ese día no da festa nacional de Galiza. Sería a partir do ano seguinte, de 1920, cando o Día da Patria comeza a celebrarse até que en 1924 foi prohibido pola ditadura de Primo de Rivera. Recuperado, e consolidado, polo Partido Galeguista nos anos da República, volveu ser sistematicamente prohibido e perseguido polo franquismo.
Ao tempo que o exilio galego, con Castelao á cabeza, mantivo a memoria da celebración, a represión da ditadura conseguiu o efecto contrario ao desexado: o nacionalismo consolidou o xa denominado Día da Patria Galega co seu actual carácter de mobilización popular na rúa. A chegada da democracia e da autonomía supuxo a súa institucionalización: a Xunta Pre-autonómica instituíu o 25 de xullo como Día Nacional de Galiza.
Na proposta formulada ao goberno local da Alternativa dos Veciños, o BNG recorda que son moitos os concellos galegos que conmemoran de diversas maneiras o 25 de xullo, contribuíndo a estender socialmente a celebración entre a súa veciñanza. Así, hai concellos que optan pola publicación de bandos, cartaces ou ilustracións conmemorativas cada ano en medios de comunicación, redes sociais e mesmo cartelaría impresa; outros manteñen, desde hai anos, o costume de organizar un acto cívico aberto á participación da sociedade civil do municipio, normalmente na véspera do 25; e mesmo hai algúns concellos que distribúen entre a súa poboación bandeiras galegas animando a colocalas en fiestras, balcóns e negocios.
No caso de Oleiros, o BNG lembra que a media-noite do 24 ao 25 de xullo de 1980 foi o momento escollido pola primeira corporación municipal democrática para botar ás ondas a primeira emisión de Radio As Mariñas, a precursora da actual Radio Oleiros.