O BNG denuncia a escandalosa falta de prazas nas escolas infantís de Oleiros

escola infantil As Galeras
escola infantil As Galeras

Na listaxe definitiva de admitidos publicada o pasado venres, nas catro Galiñas Azuis de Oleiros quedan fóra máis de 60 crianzas

O BNG denuncia a escandalosa falta de prazas nas escolas infantís de Oleiros

As escolas infantís Galiña Azul do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar abren varios prazos de matrícula extraordinarios ao longo do ano, e o pasado venres publicaron as listaxes definitivas de admitidos de setembro. Nestas listaxes, podemos ver que o número de crianzas que quedan sen praza no noso concello é moi alto, tal e como denunciou o BNG en diversas ocasións. En concreto, hai 64 crianzas que quedan en agarda en todo o concello, 31 delas de 0 a 1 ano, cando os grupos desta idade teñen un máximo de 8 nenos e nenas.

Oleiros ten dúas escolas infantís privadas, cuxa inscrición na actualidade sufraga o goberno galego, e as dúas teñen practicamente todas as prazas esgotadas desde hai meses (só quedan prazas libres nos horarios menos demandados e, polo tanto, non serven para cubrir as necesidades de conciliación das familias).

O BNG de Oleiros demanda desde hai anos a construción dunha quinta escola infantil, para acompañar as previsións de crecemento demográfico e a realidade demostra que, aínda que se comezasen agora as negociacións entre Concello e Xunta de Galiza para conseguir crear esta escola, chegarían tarde para as necesidades das familias. As escolas infantís son un servizo fundamental para facilitar a conciliación, polo que consideramos que, atendendo a distribución xeográfica do noso concello, sería preciso crear unha escola nova na parroquia de Nós.

O goberno galego subvenciona a inscrición nas escolas infantís privadas, a pesar de rexeitar en 2024 unha importante contía de fondos europeos que permitiría crear máis de 3000 prazas en escolas infantís en todo o país.

O BNG considera imprescindíbel que o goberno planifique todos os servizos, nomeadamente os máis fundamentais como este para a conciliación, de acordo coa evolución demográfica. É ben coñecido o crecemento que está a vivir Oleiros nos últimos anos, polo que se fai imprescindíbel que Concello e Xunta de Galiza se poñan a traballar para actualizar a dotación de prazas públicas de educación infantil, tal e como leva a demandar o BNG desde hai anos. O Bloque Nacionalista Galego rexistrará novamente peticións en ambas as institucións neste sentido.

O BNG denuncia a escandalosa falta de prazas nas escolas infantís de Oleiros