O domingo 27 reivindicamos o recoñecemento e a preservación do mosaico de Santa Cristina "27 arroaces e unha estrela", de Correa Corredoira
Decorría o fatídico 3 de decembro de 1992, ano de infausto recordo para a cidadanía da área metropolitana da Coruña en particular e de toda a Galiza en xeral pola catástrofe do Mar Exeo, cando en Santa Cristina colocaba o seu mural, peza a peza, tesela a tesela, o polifacético artista total Xabier Correa Corredoira, creador de renome e talla internacional que “tocou” practicamente todos os paos da arte, sempre co corazón e a cabeza na súa terra.
Dende aquel día, o mosaico de teselas de vitrocerámica, chamado "27 arroaces e unha estrela", acompaña o Pobo de Oleiros no paseo da praia de Santa Cristina, ao pé do bravo Océano Atlantico, omnipresente en Oleiros. A devandita obra fora encargada pola demarcación de Costas de Galiza, estando dirixida daquela por Eduardo Toba, o mesmo que ideou o xardín de Hércules, o parque escultórico da Torre na veciña localidade da Coruña, obra na que tamén participou Correa coa súa coñecida “Rosa dos ventos”, homenaxe ao mundo celta.
32 anos despois xa case non lembramos a praia de Santa Cristina sen o mosaico, como se estiver alí dende vello. Achámonos nun ponto na actualidade no que xa cómpren accións directas para o axeitado mantemento e conservación do mural, vítima do tempo, as pintadas sobre as teselas, falta de mantemento do mosaico e incluso a invasiva presenza dun emisor de fecais que puido provocar a fenda existente no mesmo.
Para a merecida posta en valor e recoñecemento deste patrimonio colectivo oleirense, para a demanda dunha perentoria e axeitada conservación do mesmo e para coñecer a intrahistoria, características do mosaico, alén da sinxela e pouco custosa intervención que cumpriría para a súa rehabilitación, dende un BNG organizaremos un modesto acto lúdico e reivindicativo o vindeiro domingo día 27, contra as 11.30 horas nas inmediacións do propio mural , á altura da cafetaría Brigantium, acto ao que convidamos a toda a cidadanía oleirense e da comarca, acto no que os protagonistas exclusivos serán o mosaico e o propio artista Correa Corredoira, que nos falará en primeira persoa da súa obra.
O patrimonio colectivo cando se deteriora ou mesmo desaparece sempre obedece a unha responsabilidade tamén colectiva, en Oleiros xa padecemos algún triste episodio desta índole, chamamos pois á implicación colectiva na defensa do noso patrimonio, por nós non vai ficar.