O BNG de Oleiros pide a elaboración dunha ordenanza municipal de contaminación acústica e ruídos
No BNG consideramos que cómpre preparar ordenanzas de convivencia, froito do incremento exponencial da densidade de poboación no Concello, nomeadamente na época estival
Co gallo das festas, eventos e demais incidencias destas datas estivais, detectamos que se están a producir certos problemas de convivencia tanto en espazos públicos como privados.
Achamos que xa chegou o momento de que un Concello tan habitado, especialmente na época do verán, e con tantas actividades de lecer conte cunha normativa propia de ruído adaptada ás peculiaridades de Oleiros de Concello receptor de visitantes, incremento substancial da poboación na época estival e atendendo ao crecente desenvolvemento urbanístico do propio Concello, con previsións de forte crecemento.
Cómpre tamén destacar a necesidade de que esta ordenanza encha baleiros existentes, como a contaminación acústica producida nos domicilios particulares, ben propiedade horizontal ben urbanizacións; sen esta normativa, a policía local atopa numerosas dificultades para poder intervir. Tamén se teñen producido queixas en relación coas mascotas durante as noites.
Pedimos ao Concello de Oleiros que aprobe unha ordenanza de contaminación acústica e «ruídos» para atender todas as eivas e conflitos que están a xurdir e que van medrar exponencialmente ao mesmo tempo que o vai facer a poboación. Dende a o BNG queremos seguir a falar de medidas cara a acadar a máxima convivencia da cidadanía.